A Coruña, 29 de xuño, 2020. A sección sindical de CIG quere manifestar o seu apoio á loita que están a levar o Comité de Empresa de Alcoa San Cibrao, así como a Coordinadora das empresas auxiliares, contra o peche da planta de aluminio que ten anunciado a transnacional estadounidense. De igual modo solidarízase co máis do milleiro de compañeiros afectados que entran a traballar na planta a diario, que de materializarse os plans de Alcoa irían despedidos.
Nin a Mariña, nin A Coruña, nin Galiza pode permitirse o luxo de perder un solo posto de traballo máis no sector industrial, especialmente do sector electrointensivo e da fabricación de aluminio primario. Este é un sector estratéxico para economía galega, que de modo inexplicábel aínda non está recoñecido como tal en Galiza nin no Estado Español.
A falta dunha regulación para una tarifa eléctrica industrial que teña en conta as particularidades da industria electrointensiva, que lles permita ter una tarifa estábel, predicíbel e competitiva para poder acometer plans industriais e de inversión a medio e longo prazo pode carrexar a deslocalización deste tipo de produción industrial.
Dende a CIG levamos anos reclamando e mobilizándonos a prol da adopción de medidas que veñan solucionar dunha vez o problema do alto custe da electricidade, propoñendo a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega e dunha Tarifa Industrial que recoñeza un estatus especial á industria electrointensiva sen que de momento os distintos gobernos tanto da Xunta, como do estado fixesen nada. Máis grave se cadra é o caso galego, que sendo como somos una potencia en xeración enerxética, exportando gran parte da produción a outras zonas do estado, e tendo soportado os enormes custes sociais, ambientais e de explotación dos nosos recursos naturais, négasenos o dereito a aproveitarmos desta riqueza propia e temos que ver como pechan as nosas industrias e centrais eléctricas.
Demandamos as distintas administracións una intervención pública urxente para salvar as factorías de Alu Ibérica na Coruña e de Alcoa na Mariña. Acreditamos nesa intervención, que como xa temos demostrado é lexítima, legal e posíbel, e que unicamente precisa de vontade política.
Polo tanto reiteramos una vez máis o noso apoio aos compañeiros de San Cibrao e animamos a todos os compañeiros de Alu Ibérica A Coruña a participar nas mobilizacións que se convoquen para salvar a industria do Aluminio e electrointensiva en Galiza. Se actuamos toda a industria xuntos podemos ser máis eficaces e máis escoitados, porque se estamos reclamando día a día unha intervención, temos que saber que se non se produce unha intervención en Alcoa, menos posibilidades haberá de que se produza en Alu Ibérica.
