Burela, 27 de xullo, 2020. O peche Daniel Giasson (Caxias do Sul-Brasil,1987) incorpórase ao Pescados Rubén Burela FS como cuarta novidade no proxecto 2020-21, xunto ao pivote Diego Quintela e os alas David Pazos e Javi Rodríguez. O italobrasileiro recala na Mariña desde o Córdoba Patrimonio de la Humanidad e tras dúas tempadas en Jaén Paraíso Interior.
Logo dunha ampla traxectoria en Italia en Nepi, Lazio C5, Torino C5, Ceccano, Real Rieti C5, Calisport Cogianco, Pescara ou Luparense, Giasson defenderá o 13 laranxa na súa cuarta tempada en España: “Espero que me proporcione profesionalidade, chego con moita ilusión e moitas ganas de seguir gozando unha tempada máis da liga española” explicaba o peche prometendo “a loita e o compromiso necesarios para que o club siga dando a Burela un equipo de Primeira”.
A pretempada mariñá comezará mañá pensando no 5 de setembro. “Creo que será unha volta á competición un pouco atípica -tempo de preparación, público, carga de partidos ao comezo…-, pero logo do que vivimos, creo que podería representar unha esperanza de volta á normalidade e esta é un pouco a mensaxe a mandar. Non hai que deixar de loitar; a responsabilidade de cada un é moi importante. Esperamos que o fútbol sala poida ser un entretemento para todos” reflexionaba Giasson, que será presentado oficialmente nos vindeiros días.