Lugo, a 26 de xullo de 2020. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo esta mañá unha reunión en Viveiro con afiliados que exerceron como apoderados e interventores do partido nas pasadas eleccións autonómicas. Xunto con Candia, interviñeron neste acto o vicesecretario do Partido Popular Jaime de Olano (deputado nacional), e o portavoz municipal en Viveiro, Óscar Rodríguez. Todos eles expresaron o seu agradecemento aos asistentes polo traballo realizado e destacaron o magnífico resultado conseguido nas pasadas eleccións, nas que o PP en Lugo pasou de 8 a 9 deputados e conseguiu máis do 50% dos votos.
No transcurso da reunión, Candia e Jaime de Olano fixeron referencia á situación pola que atravesa Alcoa-San Cibrao, e a profunda incidencia que terá na comarca o seu peche, se finalmente, e a causa do desinterese do Goberno central, se chega a producir. Candia fixo especial fincapé en que os traballadores tiveron que encadearse na Subdelegación do Goberno en Lugo para conseguir a convocatoria da mesa multilateral. Deste xeito, apuntou, queda claro que o Goberno non ten ningunha intención de adoptar as medidas necesarias, que son aquelas encamiñadas a garantir un prezo da enerxía eléctrica estable, asequible e competitivo.
Candia tamén se referiu á postura mantida polo Bloque. Despois de asegurar unha e outra vez que o seu apoio ao Goberno central tiña, entre outros, o obxectivo de salvar Alcoa-San Cibrao, finalmente non conseguiu nada. Recordou que o Goberno comprometeuse a semana pasada a remitir aos representantes dos traballadores “documentación esencial”, que a fecha de hoxe aínda non recibiron. “Son exemplos de que unha cousa é facer política e outra é dar respostas e solucións”, declarou Candia.
A presidenta provincial do PP expresou que o compromiso dos populares cos lucenses segue sendo traballar pola solución dos problemas que lles preocupan, e facelo dicindo a verdade e facendo xestión
Pola súa parte, Jaime de Olano lembrou que o PP leva presentadas no Congreso e no Senado decenas de iniciativas relacionadas con Alcoa. Destacou que o problema de Alcoa non é industrial, senón enerxético, ámbito no que só o Goberno de España é competente. Manifestou que o presidente Pedro Sánchez non deixou de mentir neste asunto. Primeiro dicía que no se podía aprobar un estatuto da industria electrointensiva, para conseguir un prezo estable e competitivo de la enerxía eléctrica, porque era un Goberno en funcións; despois apelou a que non podía aprobar o estatuto en medio dun proceso electoral, e agora négase -sinalou Jaime de Olano- a aprobar as medidas que propoñen a Xunta, os sindicatos e as Comunidades de Asturias e Cantabria.
Polo seu lado, o portavoz municipal, Óscar Rodríguez, explicou o traballo realizado polo grupo municipal desde o inicio do mandato e trazou algunhas das liñas que seguirá o PP de Viveiro nos próximos meses, sempre baixo o lema de “traballo, traballo e traballo”