Foz, 29 de xullo de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, valora moi positivamente a evolución do brote de Covid-19 na Mariña porque van baixando os casos positivos, agradece o labor dos sanitarios e destaca que a comarca equipárase a partir desta medianoite ao resto de Galicia na maioría das medidas.
“Desde o Concello de Foz valoramos moi positivamente a evolución do rebrote da Mariña, como foron baixando o número de casos positivos, e temos que agradecerlle aos sanitarios ese gran labor que están facendo, coma sempre. Tamén son moi boas novas que nos equiparemos practicamente ao resto de Galicia nas medidas, salvo nas reunións, que se manteñen para grupos máximos de 10 persoas, e nos locais de ocio nocturno, que continúan pechados. Pero estaban a sufrir moito os nosos negocios de hostalería con esas restricións nos horarios e esas peticións que fomos facendo varios alcaldes diariamente á Consellería finalmente tivéronse en conta e isto vai permitir que pouco a pouco vaiamos á normalidade”, manifestou Fran Cajoto.
O rexedor municipal focense engade que “neste sentido, máis que nunca, é responsabilidade de todos que evolucionemos positivamente. Cando se nos permite a liberdade á que estábamos acostumados recae máis que nunca na responsabilidade individual de cada un, no uso que fagamos da mascarilla e nese distanciamento social que non aumentemos en positivos. Iso é moi importante polo que estamos a ver que pasa no resto do Estado español. Temos que ser moi cautos e precavidos e desfrutar do verán con responsabilidade”.
