Lugo, 23 de xullo, 2020. O Partido Popular de Lugo manifesta que “a Xunta de Galicia, está a facer todo o que ten ao seu alcance para atopar unha alternativa que garanta o futuro dos traballadores de Alcoa San Cibrao”. Neste senso, explican que o Goberno galego como autoridade laboral “se ten posto a completa disposición dos traballadores para traballar na mediación solicitando a prórroga do período de consultas do ERE para acadar unha solución, prórroga que se acaba de anunciar ata o 4 de agosto, un tempo que será clave para avanzar na negociación”.
Os populares lucenses din que “a Xunta vén de requirir por terceira vez ao Goberno –a través de escritos aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica– que lle informe sobre cales son as medidas que ten previsto aprobar para encontrar unha solución aos problemas actuais da industria electrointensiva”. Están convencidos de que “como sempre o Goberno so intenta enganar buscando escusas e culpables en lugar de traballar xuntos nunha solución que depende de que fixe un prezo eléctrico competitivo ou que interveña temporalmente a planta mentres o aproba”. En concreto a Xunta de Galicia solicitou:
Ao Ministerio de Industria a proposta e posterior desenvolvemento dun plan industrial para a fábrica de San Cibrao –anunciado polo propio Ministerio hai un mes–, así como os detalles e o calendario previsto para a entrada en vigor do Estatuto para os consumidores electrointensivos.
No caso do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pídeselle de novo información sobre a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano.
“Estas son as claves para evitar os despedimentos na factoría de Alcoa en San Cibrao e garantir o mantemento da produción de aluminio primario, todo o demais é enredar e enganar aos traballadores”, conclúen os populares.