Lugo, a 22 de xullo de 2020. O grupo provincial do PP defenderá na próxima sesión plenaria da Deputación sendas propostas sobre outros tantos asuntos de importancia capital para a Mariña e para Monforte. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “Para A Mariña solicitamos un plan de reactivación e recuperación da imaxe desta comarca. Ao fío dos brotes de covid houbo autoridades que cometeron un grave erro e danaron severamente a imaxe da Mariña nun momento de gran relevancia para esta comarca como é o verán. Moitos turistas asustáronse coas desafortunadas declaracións electoralistas, tanto dalgún alcalde como do propio presidente da deputación. Tal como fixo a Xunta de Galicia, a Deputación debe ter un compromiso coa Mariña para reactivar a súa economía e recuperar a súa imaxe”.
En síntese, na moción popular proponse ao pleno acordar que a Deputación deseñe e execute un plan provincial urxente de reactivación económica e promoción da Mariña, que inclúa a recuperación da súa imaxe e, en particular, reforzala como destino turístico seguro; promoción turística intensiva e inversións, especialmente nos eidos turístico e das estradas, ámbitos nos que ten competencias o goberno provincial.
Por outro lado, Castiñeira sinala: “Outro tema gravísimo, que afecta á economía lucense, porque afecta ao turismo, é a perda de servizos ferroviarios no sur da provincia, concretamente en Monforte, cabeza de comarca da Ribeira Sacra, onde se perden 22 servizos dos 29 que se perden en Galicia, pola política de recortes do Goberno central. Non entendemos como se pode usar á covid como arma arreboladiza para tratar de eliminar servizos”. O portavoz popular expón: “Necesitamos o apoio unánime da provincia para que o Goberno central recapacite e devolva os servizos á máxima normalidade o antes posible. Entendemos que as políticas do Goberno socialista e de Podemos prexudican moitísimo á economía lucense; pasou con As Ponte, pasa con Alcoa e está pasando agora cos servizos ferroviarios”.
A moción popular inclúe os seguintes acordos. Por unha parte, esixir ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria que padece a nosa Comunidade, en xeral, e en especial, a zona sur da provincia de Lugo. A tal efecto, os populares propoñen demandar o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren que foron suprimidos, nomeadamente, a restitución e mesmo ampliación de frecuencias entre Lugo-Monforte-Ourense e con outros puntos de España como Madrid e Barcelona, entre outros.
Os populares queren que a Deputación reclame o incremento do cadro de persoal de maquinistas e que se dote do persoal necesario aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas, co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios. Igualmente, defenden que se retome o compromiso adquirido polo Goberno de Mariano Rajoy, sendo ministro Íñigo de la Serna, para a modernización da liña entre Lugo e Ourense que achegue aos cidadáns da provincia ás vantaxes da alta velocidade. A tal efecto, queren que sexa recuperada a programación de actuacións e o cronograma que deixou encamiñado o Goberno do Partido Popular para a modernización e redución dos tempos de viaxe, coa axilización da execución das variantes de Canaval e Oural e a electrificación e mellora das vías.
Javier Castiñeira avisa: “No PP non imos admitir o desmantelamento económico da provincia de Lugo. Por iso defenderemos estas dúas mocións que consideramos que son importantes e esperamos que sexan apoiadas unanimemente”.