Lugo, 22 de agosto de 2020. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa de que continúa aberto o prazo de inscrición para as Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da provincia de Lugo. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no seguinte enlace: congresoturismoexperiencial.com/lugoexperience . O aforo está limitado a uns 15 participantes por xornada de acordo aos protocolos e recomendacións sanitarias establecidos pola Covid-19.
Esta xornada celebrarase o vindeiro martes nas dependencias dos Servizos Audiovisuais da Deputación e haberá unha sesión en horario de mañá e outra de tarde. A actividade enmárcanse dentro da programación do I Congreso de Turismo Experiencial que se celebrará en Lugo no mes de setembro e co que colabora a Deputación de Lugo.
A Deputada sinalou que nestas xornadas abordaranse aspectos vencellados co turismo de experiencias. Os profesionais que acudan recibirán asesoramento para mellorar a súa actividade e poñer á súa disposición ferramentas para deseñar, crear e comercializar as súas experiencias. Ademais, presentaranse as novas canles de comercialización e promoción dos destinos.
Pilar García Porto convidou de novo ás persoas que se dedican ao sector do turismo na provincia e tamén a aquelas que desenvolven unha actividade que pode ser obxecto dunha experiencia turística, a que se anoten. “Van ser encontros abertos nos que se fomentará a participación co obxectivo de xerar un ecosistema colaborativo na nosa provincia. En Lugo contamos cun grande abano de recursos turísticos para crear experiencias diferentes e atraer visitantes e é agora neste novo escenario post-Covid onde temos que ver o noso territorio como unha oportunidade e espremer ao máximo as súas características que hoxe son tan demandadas: pouca masificación, natureza, e amplos espazos abertos”.