Viveiro, 13 de agosto de 2020. O grupo de goberno do Concello de Viveiro, en resposta ás afirmacións realizadas pola portavoz do BNG de Viveiro manifestando que o Concello de Viveiro suspendeu a contratación de persoal administrativo sen comunicarllo ás persoas participantes, por parte do goberno municipal queremos aclarar, tal e como xa se fixo no Pleno celebrado o día 5 de agosto, que estas manifestacións carecen de veracidade.
Respecto ás prazas convocadas en data 10 de marzo de 2020 mediante a modalidade de interinidade por acumulación de tarefas no servizo de contratación, co fin de poder poñer ao día os expedientes de licitación que se atopaban atrasados no referido departamento, cómpre indicar que esta selección se realizaba única e exclusivamente con esa finalidade, pola acumulación de tarefas nun departamento concreto, en virtude do establecido nos artigos 10 do Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público e no artigo 23 da Lei de Emprego Público de Galicia. O nomeamento de persoal funcionario interino por exceso ou acumulación de tarefas establécese na normativa con carácter excepcional.
Catro días despois da referida convocatoria decretouse o Estado de Alarma, suspendéndose os prazos administrativos, o que levou á suspensión deste procedemento ata o día 1 de xuño.
Dende o momento da convocatoria, e como consecuencia da crise sanitaria provocada polo covid-19, mudaron as circunstancias. En cumprimento do establecido na normativa estatal de aplicación á administración local, os servizos de carácter administrativo deste concello viñeron desempeñándose nun primeiro momento de forma telemática na súa totalidade e con posterioridade compaxinando o traballo telemático co traballo presencial, permitindo o teletraballo a tramitación dunha gran cantidade de procedementos de licitación que se atopaban pendentes no servizo de contratación o que con anterioridade non resultaba posible pola actividade diaria do traballo presencial.
Por este motivo, dende o goberno municipal, e como se manifestou no referido Pleno, estase a valorar se coa modificación destas circunstancias, é dicir, coa posta ao día de numerosos expedientes grazas ao traballo telemático, resulta necesario continuar con este procedemento, xa que, como se indicaba, estaba dirixido única e exclusivamente ao servizo de contratación, tendo que valorar a evolución da situación antes de decidir sobre este extremo.
Por parte do goberno municipal, tal e como se manifestou no referido Pleno queremos aclarar a situación e pedir que non se confunda á cidadanía, posto que en ningún momento se respondeu á concelleira do BNG que se desistira do procedemento, senón que se está valorando a situación, tal e como se debe facer en virtude do interese público, aos efectos de comprobar se coa modificación destas circunstancias resulta necesario continuar con este procedemento, que, como se dixo, estaba dirixido única e exclusivamente ao servizo de contratación.
Trátase dun procedemento administrativo, un proceso selectivo, no que todos os trámites e decisións que se adopten deben ser realizadas mediante o correspondente acto administrativo, que se publica ou notifica aos interesados no procedemento. Non pode, por conseguinte, este Concello comunicar doutro xeito decisión algunha aos aspirantes, senón mediante a adopción do correspondente acto administrativo e a súa notificación ou publicación. Para poder ditar os correspondentes actos administrativos, e, no seu caso, o posible desistimento ou non do proceso, este Concello, atendendo, en todo caso, ao interese xeral e á necesidade da racionalización administrativa e do gasto público, debe valorar as novas circunstancias xurdidas dende a súa convocatoria, totalmente impredecibles naquel momento, que, coa implantación forzosa do traballo a distancia permitiu que se puidera realizar a posta ao día de moitos procedementos, polo que, estanse analizando os procedementos que hai pendentes e valorando a necesidade ou non de continuar con ese proceso, tendo en conta tamén a posibilidade de contratar, nestes momentos, con cargo ao Plan Único un administrativo que pode realizar parte desas funcións.
Atendendo a que se trataba dunha contratación excepcional vinculada a unha situación concreta e que nestes momentos se está a analizar se se seguen mantendo as circunstancias que no momento da convocatoria posibilitaban este proceso selectivo, o concello ten a obriga de valorar se segue sendo necesario continuar con ese procedemento; sen ter realizada dita valoración neste momento. Como xa se dixo, unha vez analizada a situación actual e comprobado se se seguen a dar as circunstancias de necesidade de acumulación de tarefas no servizo de contratación, ou ben se poden poñer ao día os procedementos de licitación pendentes co persoal actual, o concello ditará os correspondentes actos administrativos e publicaraos para xeral coñecemento de tódolos interesados no proceso selectivo.
Reitérase a petición de que non se confunda aos interesados dando por feito cuestións que non están aínda determinadas e que non se poden determinar sen previa análise e valoración exhaustiva sobre se se manteñen neste momento as circunstancias que serviron de base para a convocatoria deste proceso selectivo, recordando a obriga de toda administración de velar polo interese xeral e pola racionalización do gasto público e a sustentabilidade financeira. Non se considera de recibo tachar de improvisación e falta de planificación a este goberno pola necesidade da valoración da nova situación xurdida con motivo dunha pandemia mundial.




















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



