Lugo, 27 de outubro, 2020. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, vén de solicitarlle formalmente á Xunta de Galicia que a limitación do horario nocturno comece ás 00:00 horas e non ás 23:00 horas.
Real subliña que “somos conscientes e coñecedores da prioridade sanitaria existente, por iso os nosos establecementos cumpren cunha serie de protocolos e normas para manter seguros aos traballadores e aos seus clientes, pero a limitación horaria a partir das 23:00 horas suporá un quebranto económico moi importante, ou mesmo o peche definitivo de moitos locais”.
Desde Apehl cren que “esa hora de diferenza no peche dos locais pouco ou nada repercutirá na propagación do virus, pero si afectará negativamente na decisión dos clientes para cear ou non nun establecementos de hostalería. As consecuencias económicas destas decisións si que provocarán grandes prexuízos para todo o sector, que segue tratando de sobrevivir a esta crise”.
