Lugo, 20 de novembro de 2020. A Deputación de Lugo deu a coñecer este venres a proposta de orzamentos para 2021, que ascenden a 92,5 millóns de euros e que se someterán ao debate do Pleno o vindeiro 30 de novembro.
Na presentación das contas, a vicepresidenta Maite Ferreiro valorou a importancia de “ter elaborados os orzamentos en tempo e forma para comezar a traballar no inicio do 2021 con estes recursos, dirixidos a dar resposta ás necesidades dos concellos e do tecido económico, social e cultural da provincia ante a crise económica e social provocada pola Covid 19.
Durante a comparecencia, Ferreiro detallou as partidas e liñas de traballo no relativo a cultura, artesanía, deporte ou medio rural, que se adaptarán ás necesidades que a evolución da crise sanitaria vaia xerando en cada un dos sectores, como se fixo durante o 2020.
Asi, explicou que “durante todo este ano mantivemos un dialógo directo con estes sectores para adaptar as convocatorias e programas ás súas demandas” e agradeceu “a capacidade e o traballo do persoal técnico da institución para artellar estes procedementos”
Cultura, un 7,5 % do orzamento
Os fondos destinados a cultura supoñen un 7,5 por cento do orzamento para 2021, “unha cifra que toma especial relevancia neste momento xa que a cultura é, canda a hostelería ou o comercio, un dos sectores que máis está a sufrir o impacto económico da pandemia”, sinalou a vicepresidenta.
“Seguiremos promovendo programacións culturais sempre, loxicamente, adaptadas á situación sanitaria, cun dobre obxectivo, que as propostas cheguen a todas as comarcas, concellos e parroquias, e que as profesionais que se dedican a música, as artes escénicas, ou audiovisual poidan manter a actividade”, sostivo.
A área de Cultura destinará algo máis de 1 millón de euros a axudas directas ao tecido asociativo, con convocatorias dirixidas ás asociacións de base e entidades dedicadas a promoción e dinamización cultural en diferentes eidos, entre elas, as entidades que traballan a prol da normalización do galego”.
Así mesmo, avanzou que se acometerán distintas actuacións de mellora dos museos da rede provincial, tres deles, lembrou Ferreiro, “catalogados como Bens de Interese Cultural”
2,8 millóns en axudas a clubs e deportistas
Deportes mobilizará 2,8 millóns de euros en axudas a clubs e deportistas, que tamén están a acusar os paróns e restricións da actividade competitiva por mor da Covid 19. Maite Ferreiro explicou que se manterán as axudas de concorrencia, dirixidas fundamentalmente ao deporte base, e que se manterá o apoio aos clubs de primeiras e segundas divisións estatais.
No tocante á area de Deportes, tamén concretou que os orzamentos prevén un investimento de “650 mil euros ao mantemento das instalacions que xestiona a Deputación de Lugo, o do Pazo Provincial dos Deportes e a Escola Provincial de Piraguismo.
Incremento do 50 por cento en Medio Rural e Mar
A área de Medio Rural e Mar incrementa nun 50 por cento o seu orzamento de cara ao 2021 para reforzar as liñas nas que ven traballando desde a súa creación no inicio desta lexislatura, moi centradas na promoción do tecido produtivo, na sostenibilidade e no apoio a iniciativas que apostan pola fixación de poboación no rural.
Ampliarase tamén o soporte económico do programa “O que non arde”, unha iniciativa pioneira desde unha institucion provincial, coa que se apoia aosc conellos da provincia que velen polo cumprimento da normativa contra os incendios.
Dotación para Memoria Histórica
Os orzamentos de 2021 incorporan unha partida específica para Memoria Histórica, un epígrafe “que ata agora non se contemplara na estrutura orzamentaria a pesar de que a Lei de Memoria Histórica insta ás administracións locais a colaboraren na procura de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición en relación co golpe de Estado do 36 e da ditadura franquista”.
3,8 millóns por incorporar
Coa suspensión das regras fiscais de estabilidade, endebedamenteo e regra de gasto acordada no Congreso dos Deputados en outubro, a Deputación dispón de 3,8 millóns de euros para incorporar aos orzamentos de cara a 2021.
Plan Único
Unha vez tramitada a proposta de orzamentos, o goberno provincial terá que definir a contía final do Plan Único de Cooperación cos Concellos, “un elemento central na nosa concepción das deputacións porque garante a obxectividade no reparto dos fondos e respecta a autonomía dos concellos á hora de decidir os seus investimentos”, explicou Maite Ferreiro que recordou o compromiso adquirido no pacto de goberno de “incrementar a súa dotación de forma progresiva, ata o 5% ao final da lexislatura”