Burela, 16 de marzo, 2021. O Pescados Rubén Burela FS non puido estrear a semana puntuando na rifadísima cita ante Industrias Santa Coloma (4-3). Aínda que foron os de de Sito Rivera os primeiros en atopar a portería, os locais deron a volta ao marcador na recta final da primeira parte, cunha nova poutada laranxa chegando á bucina do ecuador. Tras o descanso, os galegos mereceron máis polo perigo xerado aínda que foron os cataláns os que conseguiron distanciarse grazas á estratexia e nunha transición. Matamoros subiu o definitivo 4-3 nun penalti a 8 segundos do asubío.
O Industrias tentou crear problemas nas saídas do Pescados Rubén encomendándose á intensidade. Tras o perigo de Álvarez e Uri Santos sobre a rede de Kaluza, os mariñáns dispuxeron de dous bos remates sobre a medianía da primeira parte, ante a correcta resposta de Mario, que non puido desartellar pouco despois as intencións de Iago Míguez, finalizando ao segundo pau libre de marca. Kaluza volveu ler á perfección a Álvarez no minuto 14 para manter a vantaxe burelista a salvo. A falta de tres minutos para o descanso, Industrias igualou a contenda cun disparo de Sepe desde a frontal da área que o meta burelista non conseguiu neutralizar a pesar de tocalo. Cardona, dun disparo raso, deulles unha nova alegría aos locais para poñerse por diante. Os galegos non estaban dispostos a marchar aos vestiarios sen pelexar ata a bucina e así atoparon de novo o empate, cun remate de Pazos que se coou entre as pernas de Mario a falta de 26 segundos.
O Pescados Rubén Burela volveu con moito perigo. Renato e Matamoros foron os primeiros da lista fronte ás boas respostas de Borja. Estaban a merecelo o galegos pero foi o Santa Coloma o que atopou o premio en estratexia, nun saque de banda culminado por Álvarez. Tocaba remar contra unha corrente que se intensificou no 36 co 4-2 de Cardona nunha transición rápida. Respondeu entón o Pescados Rubén con Álex Diz como porteiro xogador pero a artillería mariñá bateu de novo con Borja. Matamoros rubricou o 4-3 final transformando un penalti a 8 segundos da bucina.
Sábado, visita de Levante
Os mariñáns volverán ao parqué o sábado coa visita de Levante UD FS (18.30 horas), no cume, nunha fin de semana repleta para a axenda laranxa de Vista Alegre, que acollerá ademais dúas citas aprazadas de Primeira Feminina, con AD Alcorcón o venres (19.30 horas) e Móstoles FSF o domingo (13.00 horas).
Ficha técnica
Industrias Santa Colma: Mario, Corso, Sepe, Bermusell, Drahovský, cinco inicial; tamén xogaron Uri Santos, Álvarez, Cardona, Bruno Petry, Llamas, Khalid, Borja
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Iago Míguez, Matamoros, David Pazos, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Quintela, Renato, Giasson, Javi Rodríguez, Pitero
Goles: 0-1, minuto 10, Iago Míguez; 1-1, minuto 17, Sepe, 2-1, minuto 19, Cardona; 2-2, minuto 20, David Pazos; 3-2, minuto 29, Álvarez; 4-2, minuto 36, Cardona; 4-3, minuto 40, Matamoros (penalti)
Árbitros: Alonso Montesinos // Santander Flamarique. Por Santa Coloma amarela a Drahovský (minuto 12), Petry (minuto 23), Sepe (minuto 27), Llamas (minuto 40). Por Burela amarela para Pazos (minuto 36)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 de Primeira División Masculina disputado en La Colina.
























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



