Burela, 24 de maio, 2021. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo presentou nesta mañá no Centro Superior de Hostalería de Galicia un novo proxecto de promoción gastronómica e turística nacido da maridaxe perfecta entre a Pescada do Pincho de Burela e diferentes produtos gastronómicos doutras comunidades autónomas.
Trátase dun novo produto turístico creado a partir da unión da calidade da Pescada do Pincho de Burela coa gastronomía doutras zonas de España, neste caso os viños de Castela e León.
A Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, presidiu o acto acompañada pola Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, de Armadores de Burela e da consultora Valora, empresa encargada de poñer en marcha o proxecto.
Sergio López, xerente de OPP Lugo, explicou que “non se trata só dunha nova campaña de promoción, senón de abrir un novo camiño, creando un produto mixto entre gastronomía e turismo, xerando alianzas gastronómicas e turísticas coa Pescada de Petisco de Burela como protagonista”.
Burela asume o proxecto de maridar a súa Pescada do Pincho cos viños de Castela-León, apoiándose en catro conceptos base: a orixe (a pescada europea e a frota e lonxa do porto de Burela), a arte de pesca (anzol), o sabor (múltiples posibilidades gastronómicas da pescada) e a saúde (OPP Lugo promociona a súa “fórmula da felicidade” P= S, comer peixe é igual a saúde por sabor elevado a infinito).
Julio Sánchez, director da consultora Valora, explicou que “o proxecto conta con accións en catorce concellos, con dezaoito experiencias turísticas e vinte e nove axentes implicados, desde a orixe en Burela ata o seu destino nas principais cidades e mercados de Castela e León, como Burgos, Valladolid ou León”.
Preséntase un concepto de “Roteiro de Maridaxe Gastronómica e Turística” con experiencias gastroturísticas neste caso entre Galicia e Castela e León, para o que se traballou cos axentes crave en ámbalas comunidades, tanto públicos como privados: institucións (Turismo, Xacobeo, Mar, Rural, Vitartis…) e aloxamentos ou empresas de restauración (Paradores, hoteis, restaurantes, adegas, distribuidores, cociñeiros…).
Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia, valorou moi positivamente esta iniciativa, dentro da enorme importancia que a gastronomía ten para o turismo de Galicia. Destacou a pescada de Burela como exemplo de produto de primeira calidade que se debe poñer en valor e dar a coñecer a través de iniciativas como este roteiro, que xunta distintos produtos gastronómicos co turismo.
Igualmente felicitou a OPP Lugo e Absa por esta iniciativa que agrupa a entidades públicas e privadas e convidou á Pescada de Burela a participar na experiencia do pasaporte gastronómico que se está deseñando entre Galicia e Castela e León.
Rosa Quintana, Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, felicitou unha vez máis a Burela polo carácter sostible da súa actividade pesqueira e sobre todo como promotores de múltiples iniciativas de promoción do consumo de peixe, en concreto da pescada de pincho, exaltando unha arte de pesca tan selectiva, sostible e respectuosa co medio ambiente como o anzol.
Tamén resaltou os datos de Burela, principal lonxa de Galicia en pescada de pincho e segunda lonxa da comunidade por volume de facturación.
A conselleira incidiu en que a promoción dos produtos do mar tanto en Galicia como no exterior permite dar a coñecer as bondades dos peixes e mariscos galegos, o que favorece que aumente a súa demanda e se impulsen os ingresos para as frotas que os capturan.
O acto terminou cunha degustación do produto protagonista a cargo do recoñecido chef Iñaki Bretal, estrela Michelín e unha das figuras máis destacadas da actual cociña galega. O cociñeiro, con restaurantes en Pontevedra (“O Eirado da Leña”) e Lugo (“Anda”), e que xa colaborara noutros proxectos gastronómicos de OPP Lugo e Absa Burela, elaborou dúas receitas: “Merluza de Burela lima limón” e “Merluza de Burela á galega, crema de cachelos e allada”.
Bretal valorou a importancia da pescada para a gastronomía galega grazas á súa versatilidade e múltiples posibilidades que ofrece, tanto nas preparacións máis tradicionais como noutras presentacións máis innovadoras. Destacou a pescada de pincho como un produto ideal para calquera tipo de evento, sobre todo en banquetes e actos de tipo social.
Esta acción está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo e cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.



















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



