Foz, 8 de xuño de 2020. O cociñeiro Yayo Daporta e dono do restaurante que leva o seu nome, situado en Cambados, foi o encargado de realizar a última acción da Aula Gastronómica Galicia Calidade que este martes se desenvolveu no IES de Foz. Ante unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña, o restaurador pontevedrés elaborou un menú baseado nos principios básicos do seu facer gastronómico: o bo gusto e o sentido común que dan lugar a unha cociña tradicional, innovadora cun toque emocional e da terra.
Trala benvida feita polo director do IES, Nicolás Asensio Nogales, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que esta acción culmina a rolda iniciada en abril no IES Compostela de presentación e divulgación dos produtos e cociñeiros avalados por Galicia Calidade entre o alumnado dos centros da Comunidade nos que se estuda a rama profesional de Hostalería e Turismo.
“Estamos seguros de que os futuros cociñeiros de Galicia serán quen de levar a nosa marca nos seus proxectos a afianzala aínda máis como referente da excelente gastronomía que se fai en Galicia grazas aos produtos de calidade cos que contamos”, asegurou Alfonso Cabaleiro.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o interese que está a espertar esta iniciativa promovida co fin de achegar aos futuros profesionais da restauración galega os máis de 600 produtos certificados por Galicia Calidade. Animou ao alumnado a sacar proveito “de experiencias innovadoras como esta que contribúen a elevar o nivel das ensinanzas da Formación Profesional galega”, que a día de hoxe son un modelo de referencia no conxunto do Estado.
O menú proposto por Yayo Daporta consistiu en fabas de Lourenzá estofadas con cocochas de merluza ao pil-pil, navallas ao natural, canelón de tartar de navalla e pil-pil de pescada de Celeiro. Tamén elaborou este excelente peixe ao vapor acompañado de moluscos e ameixas ao natural; crema de pementos de Herbón e xarda ou xurelo mariñado e asado, espaguete mariño e pan de millo. Finalmente, Yayo Daporta propuxo unha mousse de queixo de Arzúa e marmelada de pementos de Herbón.
As empresas de Galicia Calidade que participaron na acción foron Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Pementos Carmucha, A Pementeira, A Rianxeira, Pazo de Anzuxao e Feiraco.
Traxectoria profesional
Yayo Daporta leva 16 anos ao fronte do seu restaurante aberto na rúa Hospital de Cambados que rexenta xunto coa súa irmá Esther. O seu bo facer valeulle unha Estrela Michelin ademais do recoñecemento de Galicia Calidade.
O chef cambadés estudou na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e traballou máis tarde en Casa Solla, onde empezou a sentir curiosidade pola cociña de vangarda e lle chegou a verdadeira vocación. Tamén se formou nos restaurantes Alejandro, de Almería e El Amparo de Madrid. Yayo Daporta é un auténtico defensor dos produtos autóctonos de Galicia, especialmente do marisco, xa que procede dunha familia de arraigada tradición no cultivo de marisco da Ría de Arousa.
A Aula Gastronómica Galicia Calidade celebrouse no CIFP Compostela, en Santiago de Compostela, coa restauradora Lucía Bretal; o CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, coa cociñeira María Varela; o CIFP Manuel Antonio, en Vigo, con Iñaki Bretal; o IES Vilamarín, con Héctor López; o IES de Pontedeume, con Adrián Felípez; o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, con Xoán Crujeiras e o IES de Foz, con Yayo Daporta.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



