Cervo, 30 de xullo de 2021. O Concello de Cervo vai instar á Deputación Provincial a que asuma os custes da expropiación dos terreos contiguos ao Museo do Mar, en San Ciprián, para poder executar a súa necesaria ampliación; a través dunha Proposta de Alcaldía que reza o seguinte:
O Pleno da Corporación Municipal de Cervo acorda:
Instar á Deputación provincial, unha vez máis, a asumir o compromiso de ampliar o Museo Provincial do Mar, que é da súa xestión, o que require da adquisición do terreo contiguo cuxos costes, tal e como recolle o proxecto encargado polo Concello de Cervo, están estimados en 155.188,14 euros, a fin de conseguir un espazo axeitado para acoller toda a riqueza patrimonial, etnográfica e histórica que atesoura este inmoble.
Tal e como explica o rexedor, Alfonso Villares, “temos o privilexio de ter no noso municipio o museo público máis antigo de Galicia, cuxa xestión recae na Deputación Provincial desde que lle fora cedido no ano 2003”, cando pasou a integrarse na rede museolóxica dependente deste organismo.
O valor do legado patrimonial que agocha este museo –engade- é incalculable, xa que atesoura o corazón da historia mariñeira da comarca, e nomeadamente do Concello de Cervo.
Pero as súa estrutura e dimensións non permite que toda esa riqueza ocupe o lugar privilexiado que merece, e moitas doazóns, documentación gráfica, fondos etnográficos e de fauna marina, cartas náuticas…permanecen almacenados, sen expoñerse, por falta de espazo.
Neste senso, subliña “desde o equipo de Goberno do Concello de Cervo levamos anos tentando corrixir esta situación buscando fórmulas para evitar que todo ese patrimonio permaneza velado nun caixón”
Así, o que se pretende é ampliar as instalacións do Museo do Mar en beneficio público a fin de potenciar un museo adaptado ás novas realidades e necesidades sociais
Para conseguir este obxectivo, o ámbito proposto para a ampliación abrangue, ademais do edificio existente, unha construción antigamente empregada como vivenda, na que se prevé desenvolver a ampliación dos usos dotacionais.
De feito, no pleno celebrado o 1 de xuño de 2021, cos votos a favor do PP e do BNG, e a abstención do PSOE, aprobouse provisionalmente a Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento, un cambio nas condicións urbanísticas que permitirá o uso dotacional da superficie total -actual museo e terreos contiguos- que é de 2.568 m2.
O obxectivo deste cambio no uso dotacional é poder adquirir o terreo contiguo ao museo para mellorar a calidade e a funcionalidade desta dotación cultural tan importante para Cervo. Aínda que este interese non é só de carácter local, senón comunitario e xeral, xa que achega unha función social e identitaria como centro de exhibición e difusión do patrimonio mariñeiro.
Así, o Concello xa encargou tal e como explica o alcalde, “un proxecto no que o equipo redactor estima a contía económica a desembolsar para poder obter os terreos pola vía da expropiación e o acondicionamento dos mesmos, que ascende a 155.188,14 euros”, que é a contía que cremos que tería que aportar a Deputación, á vista de que o inmoble está xestionado por esta institución; e tamén tendo en conta que esta petición foi reiterada en múltiples ocasións pola Corporación municipal deste Concello que –tal e como recorda Villares- aprobara por unanimidade no pleno celebrado o 26 de setembro de 2007 a seguinte e proposta:
Solicitar á Exma. Deputación Provincial de Lugo a adopción dun acordo expresando o seu compromiso firme de asumir os custos do proceso de ampliación do Museo do Mar de San Ciprián, a fin de completar o proceso de redacción do estudo económico preciso para a aprobación definitiva da modificación puntual das Normas Subsidiarias do planeamento na zona do Museo do Mar, en San Cibrao.
Así como tamén saíu adiante a moción presentada polo Grupo Municipal do BNG no pleno celebrado o 31 de marzo do 2005 cos votos a favor de toda a Corporación cuxa redacción é a seguinte:
O Grupo Municipal do BNG insta á Corporación Municipal a dirixirse á Deputación Provincial para que merque o quinteiro comprendido entre a Rúa do Torno, Paseo Marítimo e Avda. da Mariña (anexo ao Museo do Mar), en San Cibrao-Cervo.
Desde o Concello de Cervo agardamos pois que agora si, dunha vez por todas, a Deputación Provincial asuma o compromiso e mobilice os cartos públicos necesarios para que o Museo do Mar de San Cibrao dispoña dun espazo axeitado acorde á inmensa valía de toda a riqueza que atesoura no seu interior, e que permanece en gran parte, gardada nun caixón.




















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



