Ribadeo, 18 de agosto de 2021. A Deputación Provincial de Lugo iniciou a licitación da mellora da estrada de Vilela por un importe de 524.000 euros. Os traballos contemplan a ampliación da ponte do Feve e da calzada e a creación de beirarrúas co obxectivo de favorecer a seguridade dos peóns que transitan por esa zona. A deputada Mónica Freire e o alcalde, Fernando Suárez, destacaron que “este proxecto supón unha decidida aposta humanización desa área”.
Segundo sinalou a deputada provincial e concelleira de Obras en Ribadeo, Mónica Freire, “a pasada semana na Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo quedaron aprobados os pregos e o proxecto para o arranxo desta rúa de titularidade provincial, xunto co expediente de contratación que dará comezo á licitación desta importante obra para o Concello ribadense”.
Freire Rancaño dixo que “estas importantes e agardadas obras de mellora pretenden dar resposta á necesidade de mellora dese viario público que se atopa sen modernizar desde hai moitos anos e que nos últimos tempos se foi degradando considerablemente ata o punto de ser un lugar de paso moi perigoso, tanto para vehículos como para peóns”.
O alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “somos conscientes de que se trata dun vial moi frecuentado, especialmente por mozos e mozas que acoden aos Centros Educativos e Deportivos, aos campos de adestramento que o Concello ten ao pé da vía do tren e ao mesmo tempo tamén é unha arteria importante de acceso á vila de vehículos que veñen das parroquias. Na actualidade, a falta de pasos peonís seguros e beirarrúas xunto cos estreitamentos da calzada, fundamentalmente no tramo da ponte do Feve, converten a esta actuación en fundamental”.
A concelleira de Obras e deputada provincial explicou que “despois de manter un contacto estreito entre o Concello de Ribadeo e os responsables da Deputación Provincial, especialmente nestes últimos dous anos, conseguiuse de xeito definitivo o compromiso económico e de execución por parte da Deputación Provincial de Lugo. Esta importante mellora para o noso concello é froito do compromiso do goberno provincial PSOE-BNG con Ribadeo”.
E subliñou que “estamos diante dunha potente actuación de mellora, que supón un orzamento de licitación de 524.000 euros e un prazo de execución de doce meses. Nos vindeiros días publicarase este procedemento de licitación na plataforma de contratación do sector público para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas”.
Mónica Freire contou que “se actuará sobre un total de 629 m de lonxitude, en concreto o tramo que transcorre paralelo ao campo de fútbol municipal, desde o cruce coa Rúa da Pega ata pasada a ponte do Feve no barrio do Covo, en Ove. As obras proxectadas inclúen a reposición de servizos municipais de abastecemento e saneamento, a construción de beirarrúas na marxe esquerda e a pavimentación con aglomerado da rúa existente. E engadiu que “contempla tamén este proxecto actuacións de ampliación da ponte do Feve, un punto que na actualidade conta un ancho de paso de 6 metros aproximadamente, con tráfico compartido para vehículos e peóns, o que o converte nun punto especialmente perigoso. Así pois a mellora das condicións de seguridade require dunha ampliación da estrutura existente que incremente a anchura do espazo de calzada e garanta un paso peonil seguro e suficiente. A solución que se levará a cabo neste tramo inclúe unha estrutura voladiza que implementará unha calzada de 6 metros de ancho, de dobre sentido, e a creación de dúas beirarrúas laterais de 2,25 metros separadas desa calzada por pretís metálicos. Crearase tamén un sendeiro, de 3 metros de ancho que conecte estes pasos peonís coas beirarrúas proxectadas e coas instalacións deportivas municipais da Faxarda. E inclúense tamén a execución de varios pasos elevados para seguridade dos peóns, o pintado da vía mediante marcas viais reflexivas así como sinalización vertical”.
Para Suárez Barcia “en conxunto, as obras supoñen unha decidida aposta pola humanización desta área e, por extensión, pola calidade de vida e a recuperación de espazos nesta zona da nosa vila, ao converter esta vella vía de comunicación nunha rúa moderna da nosa malla urbana. Como sempre que se levan a cabo obras no casco urbano, a realización das mesmas supoñerán, de xeito inevitable, unha serie de incomodidades e molestias temporais que estamos seguros que a veciñanza saberá comprender e desculpar, desde o seu coñecemento da importancia e dos beneficios que as mesmas han supoñer, tanto para o barrio como para o conxunto do concello”.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



