Mondoñedo, 14 de abril de 2022. A Xunta de Galicia vén de rematar as obras que permitiron habilitar un espazo de Fisioterapia no centro de saúde de Mondoñedo. Este servizo engrosará a oferta asistencial de Atención Primaria que se presta neste concello. O goberno galego tamén acometeu outros traballos para reformar e mellorar o centro de saúde mindoniense, entre eles, a substitución da cuberta do edificio sanitario.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña vén de visitar o centro de saúde de Mondoñedo para comprobar in situ o resultado dos traballos acometidos nesta infraestrutura sanitaria, cuxo investimento total rondou os 130.000 euros. Na visita estivo acompañado do alcalde e a tenente de alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero e Elena Candia, do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.
As obras para habilitar a nova área de Fisioterapia supuxeron un investimento de algo máis de 65.000 euros. As actuacións levadas a cabo implicaron a construción dunha sala de exercicios con tres boxes de tratamentos para electroterapia, microondas e ondas de choque; e o resto da sala para a localización de dúas padiolas de tratamentos, dous ergómetros, unha mesa de mans, unhas espaleiras dun metro, paralelas e escaleira con rampla, entre outro material para a realización das terapias físicas e tratamentos recuperadores ou rehabilitadores dos pacientes. A nova zona de fisioterapia tamén conta con dous aseos adaptados con vestiario que constan de seis cabinas cada un.
Os traballos tamén supuxeron a substitución da cuberta do centro médico mindoniense. O departamento sanitario da Xunta de Galicia investiu máis de 64.000 euros na reposición de material da cuberta do centro para corrixir as patoloxías detectadas e o deterioro ocasionado polo paso do tempo nesta zona do edificio, e así mellorar a impermeabilidade e o illamento do edificio. Os traballos levados a cabo no centro de saúde de Mondoñedo inclúense dentro do obxectivo xeral da Xunta de Galicia de mellorar as infraestruturas de Atención Primaria, co obxectivo de acercar o maior número posible de servizos aos cidadáns e ofrecerlles unha asistencia sanitaria próxima, eficaz e de calidade.
Mellora das infraestruturas de atención primaria
A actuación en Mondoñedo forma parte das 13 actuacións de obra menor que a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos executou ao longo de 2021 en distintos centros de saúde da provincia, por un importe total de 370.000 euros.
Máis alá das obras menores, desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. En total, a administración autonómica investiu nestes anos, máis de 120 millóns de euros na mellora e modernización das infraestruturas de atención primaria galegas.
No caso da provincia de Lugo, a Xunta de Galicia puxo en marcha nos últimos anos novos centros de saúde como o de Carballedo, Sarria e Monterroso. Nesta lexislatura vénse de poñer en marcha o centro de saúde de O Saviñao e xa están nunha fase moi avanzada as obras do novo Centro Integral de Saúde de Lugo, o primeiro de Galicia, que suporá un investimento total de máis de 12 millóns de euros.
Neste proceso de transformación e modernización da Atención Primaria, a Xunta aprobou o Plan de Infraestruturas de Atención Primaria de Galicia, que no caso da provincia de Lugo contempla a construción de seis novos centros de saúde nos concellos de Antas de Ulla (do que xa está adxudicado o proxecto), Ribadeo, Pantón, Becerreá, Guntín e no barrio do Sagrado Corazón (Lugo); así como a reforma integral e ampliación dos centros de saúde de A Milagrosa en Lugo (xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas), Meira, Outeiro de Rei, Foz, Ribas de Sil, e Praza do Ferrol (Lugo), que permitirán dotar a este nivel asistencial de modernas infraestruturas e máis medios diagnósticos e terapéuticos
A renovación das infraestruturas de Atención Primaria, xunto con outros mecanismos de xestión e organización innovadores para este nivel asistencial que está a poñer en marcha o Servizo Galego de Saúde, como os Plans de Saúde Locais, a plataforma CRM100, as axendas de calidade, o sistema XIDE de xestión integrada da demanda, entre outras, darán paso a unha transformación da Atención Primaria facéndoa máis moderna, resolutiva, eficaz e adaptada ás necesidades dos cidadáns e converténdoa no eixe vertebrador da asistencia sanitaria pública de Galicia.




















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



