Ribadeo, 1 de xuño de 2022. No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo acordouse dar o apoio ao nomeamento de Francisco Fernández del Riego como homenaxeado nas Letras Galegas para o 2023, foi aprobado un expediente de suplemento de crédito a cargo do remanente de tesourería para atender diferentes gastos e un incremento do 6,8% para o prezo público do Hospital Asilo, que segue a ser un dos máis baixos de toda a contorna e incluso de Galicia. Os concelleiros de Economía e Servizos Sociais, Pablo Vizoso e Mónica Freire, criticaron a actitude mantida polos populares durante a sesión.
O edil ribadense contou que “onte celebramos o pleno ordinario no Concello e demos debate e aprobación a diferentes asuntos de importancia para Ribadeo aínda que tamén puidemos asistir, unha vez máis, a unha sesión na que o portavoz do Partido Popular amosou unha actitude para nada construtiva, chea de demagoxia, sobre actuación e incluso de descualificación persoal de varios membros da Corporación, unha liña que nunca se debería de sobrepasar”.
Vizoso Galdo relatou que “un asunto consistía na modificación da ordenanza que regula a taxa pola expedición de documentos para adaptar a convocatoria de exames e probas, outros consistían en dacións de conta, por exemplo, sobre o acordo coa estratexia alimentaria participativa Eo Alimenta xuntos con outros municipios da nosa contorna. Outro dos puntos tratou sobre a modificación do plan estratéxico de subvencións, un trámite ao que hai que dar cumprimento informando da subvención dirixida ás empresas para a contratación de persoal alumnado do obradoiro dual Prepara o teu Camiño por importe de 30.000 euros e do incremento da subvención para a campaña das Panchas noutros 50.000 euros coa finalidade de promocionar a economía local e xerar un efecto multiplicador nas ventas dos comercios e da hostalaría. Neste punto foi preciso lembrarlle ao grupo popular os grandes beneficios que supón esta campaña para a actividade comercial en Ribadeo, cunha promoción e cunha achega pública por parte do Concello nestes dous anos sen precedentes noutras edicións pasadas, nin comparable coa de outras administracións”.
Para o concelleiro de Economía “no debate deste asunto púidose observar cómo o Partido Popular prefería falar sobre a recente controversia promovida sobre efecto das Panchas na declaración da renda baseándose en afirmacións totalmente infundadas e sen ningún rigor e que nada lle axudan ao comercio de Ribadeo, o que evidencia que prefiren situarse nunha oposición irresponsable en vez de facer propostas polo ben do noso pobo. Aproveitamos para aclararlles, unha vez máis, que a axuda do Concello aos particulares pola campaña das Panchas non obriga a ter que realizar a declaración da renda xa que se trata tecnicamente dunha ganancia patrimonial que só hai que declarar cando supera os 1.000 euros ao ano, e non é o caso; de modo que aquelas persoas que polas súas circunstancias xa estaban obrigadas a presentar a declaración da renda teñen que seguir presentándoa e aquelas que non tiñan tal obriga seguen sen ter que presentala. Así de sinxelo”.
Pablo Vizoso engadiu que “aprobamos tamén o apoio como Concello ao nomeamento de Francisco Fernández del Riego como homenaxeado nas Letras Galegas para o 2023; un expediente de suplemento de crédito a cargo de remanente de tesourería para atender diferentes gastos, entre eles a campaña das Panchas anteriormente comentada, e tamén gastos da operativa do Ribadeo Indiano e de adquisición de maquinaria. E noutro punto aprobamos tamén os gastos relativos as cotas comunitarias dun local que recentemente pasou a ser propiedade do concello situado na Avenida de Asturias”.
A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, explicou que “outro punto que se tratou foi o da actualización do 6,8% do IPC ao Prezo Público do Hospital Asilo. Isto evidentemente supón un incremento aínda que, con todo, estes prezos seguen a ser dos máis baixos de toda a contorna e incluso de Galicia”.
A edil nacionalista dixo: “sabemos que este centro necesita unha actualización e unha renovación da súa infraestrutura, pero tamén sabemos que mentres iso non aconteza, o centro debe seguir sosténdose e seguir dando a mellor atención posible, como sempre se fai. E para iso fan falta os recursos. Desde o Concello así o facemos con unha axuda anual duns 90.000 euros ao facernos cargo dos diferentes consumos enerxéticos así como dunha imporante partida económica para axudar na adquisición de alimentos de proximidade para os residentes”.
E engadiu que “propuxemos esta suba porque así está establecida no regulamento de funcionamento do centro, e porque así tamén o fixemos anteriormente no ano 2020. Botamos de menos que en todo este tempo atrás a oposición, singularmente o PP, sempre apoiaran estas medidas regulamentarias, pero agora non foi así. Primeiro votaron en contra e logo abstivéronse. Parece ser que teñen contradicións. A nós parécenos que máis que contradicións o que teñen é unha dobre moral e un dobre discurso, porque van alí ao Hospital Asilo prometendo as virtudes do paraíso, pero logo no mundo real non apoian a sostibilidade do centro. Tanto ten, nós como goberno, e precisamente por responsabilidade de goberno si o fixemos, si o facemos e si o seguiremos a facer, tanto na xestión ordinaria como na futura e próxima revisión estrutural do edificio. A ver se eles, están á altura”.
Mocións
Freire Rancaño tamén se referiu ás mocións debatidas na sesión plenaria ordinaria de onte: “a primeira debatida foi unha moción tipo do Partido Popular en apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado coa Lei Seguridade Cidadá, na que o noso grupo votou en contra porque se trata dunha tema extemporáneo xa que esta lei xa foi tramitada e aprobada, deixando claro, iso si, o noso apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado, como non pode ser doutro xeito. Debatemos tamén unha moción do BNG para pedir á Xunta de Galicia que cumpra as súas obrigas en materia de publicidade e transparencia dos fondos europeos na obra do CEIP Gregorio Sanz que se está a levar a cabo. Estas obras, que están financiadas a través do convenio do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Estado e a comunidade autónoma, con fondos europeos, que se reciben para a execución destas obras e, ao igual que nos ocorre ao resto de administracións, tamén ao Concello de Ribadeo, cando recibimos diñeiro público doutras administracións temos unha serie de obrigas e compromisos que debemos cumprir para non ter problemas na xustificación e polo tanto poder recibir ese diñeiro. Pero o que vemos é que neste caso a Xunta está facendo caso omiso destas obrigas poñendo en risco o financiamento europeo destas melloras no colexio. Nos puxemos encima da mesa outro caso de rehabilitación de colexio, tamén dentro do convenio asinado co MITMA, no que si están a cumprir a lei. É o caso de Portomarín, mentres que en Ribadeo, por unha cuestión partidista, ao PP non lle importa xogar coa posibilidade de perder este diñeiro, de todas e todos, simplemente para encubrir as mentiras do seu voceiro local. Entón aprobamos instar á Xunta de Galicia a que corrixa isto e coloque os logos e demais emblemas europeos que a lei lles obriga. E, por último, debatemos tamén unha moción do Partido Socialista, que aprobamos, na que se pide á Xunta de Galicia que implante de forma permanente o programa Coidados porta a porta”.
Sobre o capítulo de rogos e preguntas indicou que “logo, coma sempre, os rogos e as preguntas, apartado no que fomos respondendo a todas e cada unha destas cuestións que se formularon por parte dos dous grupos da oposición, comprometéndonos a atender a aquelas positivas e que redundan no interese de Ribadeo e rexeitando as que non aportan nada ou que son extemporáneas”.




















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



