
Ribadeo, 26 de agosto, 2022. Cando o BNG de Ribadeo apostou de xeito decidido por levar a cabo unha política seria de prevención contra o lume, algunhas persoas saíron en tromba a criticar ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, inventando mil e unha lerias con tal de desgastalo. Hai quen pensaba que a trola de que os do bipartito ían expropiar os montes aínda lles ía funcionar dez anos despois. A actitude de Fernando Suárez Barcia, de todo o grupo municipal do BNG, foi valente e firme: as leis están para cumprilas. E se os nugalláns que as fan non son quen de cumprilas, porque as aproban para quedar ben, haberá que levalas á práctica, sobre todo naquilo en que sexan beneficiosas para o ben común.
Lembremos que a normativa aprobada ao respecto era ben clara: Lei 3/2007, do 9 de abril, (Lei de Incendios de Galicia); orde do 31 de xullo de 2007 da Consellaría do Medio Rural pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal; INSTRUCIÓN 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Pois esta manda de gobernantes, co señor Feijoo á cabeza, e o señor Rueda, de actor secundario, ben pouco fixeron para que fora aplicada. É máis, ben voltas que lle deron ao concello de Ribadeo cando desde aquí queriamos que se levara á práctica.
O Concello púxose mans á obra e aprobou unha ORDENANZA MUNICIPAL para a prevención de incendios forestais e a salvagarda das condicións de limpeza, ornato, salubridade e seguridade dos terreos pola que se regulan as plantacións arbóreas, as obrigas de xestión de biomasa e os usos do lume no solo urbano, de núcleo rural e urbanizábel do concello de Ribadeo. Así, desde outubro de 2017 comezouse a identificar as parcelas que non cumprían co establecido pola Xunta na súa normativa sobre prevención de incendios.
Entre outubro de 2017 e maio de 2018 dirixiuse en varias ocasións á Consellaría de Medio Rural para solicitarlle apoio na posta en práctica destas medidas preventivas. A lei obriga á Xunta a prestar ese apoio aos concellos cando estes non dispoñan dos medios necesarios para levar a cabo tal labor de control e seguimento. Agora ben: a Xunta, ou respondía a última hora, ou daba a calada por resposta. Aínda así, o Concello seguiu adiante co seu empeño por adoptar medidas serias de prevención do lume. E os seus froitos ben se ven.
A firme actitude do BNG de Ribadeo, co seu grupo de goberno no concello de Ribadeo e o alcalde, Fernando Suárez Barcia, non só deu os seus froitos no ámbito local, senón que, ademais, serve de modelo para outros concellos e comarcas. O traballo do BNG de Ribadeo, non é o dunha pequena aldea que resiste aló na esquina oriental da provincia; somos unha organización que pensa no pais en conxunto, e os nosos homes e mulleres que nos representan en distintas institucións, levan as nosas propostas a outros ámbitos para darlle máis proxección. Ben sexa na Deputación Provincial de Lugo, onde compartimos responsabilidades de goberno, ben sexa no Parlamento Galego, onde exercemos labores de oposición, o noso traballo político permite visibilizar as nosas propostas e sacar adiante iniciativas que deron bos resultados.
Por moito que a política informativa do PP e do goberno do señor Rueda queiran ocultar o gravísimo problema que padecemos este verán co lume, ben podemos deitar en Ribadeo da actitude preventiva que adoptamos; ver como houbo xente no noso país, e no resto do Estado, que tivo que abandonar as súas casas e agardar angustiosamente se as perdía ou non pasto do lume, é moi duro. Comprobar que as brigadas forestais aínda non estaban contratadas a mediados de xullo porque, segundo esta manda de espabilados, na Galiza o lume non comeza até Agosto, é indignante. Aprendamos a lección e teñamos memoria cando corresponda renovar o Parlamento de Galiza.
Mentres tanto, o labor do BNG de Ribadeo seguirá apostando pola prevención do lume e a potenciación da vida no rural. Velaí a proposta da nosa deputada provincial e membro do goberno municipal do BNG en Ribadeo, Mónica Freire Rancaño. Na área de Medio Rural que ela xestiona na Deputación, propuxo o programa de prevención de incendios “O que non arde”, no que se persegue a multifuncionalidade do monte.
Este programa céntrase no pastoreo preventivo, así como na elaboración de plans de aproveitamento silvopastoril, coa fin de manter libres de maleza as zonas de cortalumes e os terreos contiguos de protección. Trátase dunha actividade que incentiva a superficie agraria útil e tamén facilita a recuperación de terreos abandonados. O lume hai que apagalo cando prende. Pero temos que nos adiantar e prevelo xa desde o inverno, todo o ano. Hai que promover o uso produtivo do monte ligado aos usos tradicionais da gandaría extensiva ao tempo que se preveñen os incendios. Esa é a mellor política preventiva.




















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



