Coloca Ribadeo como exemplo do modelo de éxito dos gobernos municipais BNG, que transforman en positivo e melloran a vida da xente
Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Ribadeo no acto de presentación de Pablo Vizoso como futuro alcalde de Ribadeo liderando unha candidatura do BNG reforzada, que combina experiencia e renovación, e que permitirá ao concello seguir na senda de progreso e de futuro.
“Pablo será un extraordinario alcalde porque ten experiencia, porque é unha unha persoa seria, rigorosa, na que confiar; os veciños e as veciñas saben que terán no seu próximo alcalde unha persoa resolutiva, próxima, coa que poder falar, dialogante. A veciñanza sabe que vai poder contar co seu alcalde, que estará ao seu carón buscando e aportando solucións”, resaltou, “será un extraordinario alcalde porque aprendeu do mellor”, subliñou a líder do BNG en relación a Fernando Suárez, o até agora rexedor de Ribadeo, nunha intervención na que tamén tivo palabras de recoñecemento para a ex concelleira Mariluz Álvarez.
Con Pablo Vizoso como alcalde, “Ribadeo seguirá avanzando e mellorando, cunha equipa reforzada que combina experiencia e renovación. Aí estará Mónica (Freire), aí estará Vicente (Castro)”, destacou a líder nacionalista, citando a dúas das persoas que integran a candidatura do Bloque de cara á cita electoral do 28 de maio.
“Queda moito, moito porvir para este concello da man dun BNG con máis ganas que nunca, con forzas renovadas para un gran obxectivo: que Ribadeo siga avanzando, que siga sendo o gran referente da Mariña é un dos grandes concellos de Galiza”, proclamou. Pontón destacou que Ribadeo é hoxe “un concello orgulloso da súa identidade, exemplo de rehabilitación urbana, referente en servizos, cun patrimonio arquitectónico e natural espectacular con dinamismo económico e social”.
Neste sentido, a portavoz do Bloque fixo referencia a unha das grandes infraestruturas sociais coas que conta o concello, a residencia da terceira idade: “Non vou enumerar todos os logros e avances postos en marcha polo goberno do BNG, porque non acabaría nunca, pero permitídeme que cite un que da a medida do que somos capaces: a residencia de maiores de Ribadeo, a única residencia pública posta en marcha en Galiza en catorce anos, a única. E sen un só euro da Xunta!”, destacou.
A líder nacionalista puxo Ribadeo como exemplo da capacidade de goberno do BNG, do modelo de éxito dos gobernos municipais do Bloque, capaz de facer avanzar os concellos que lidera e de transformalos en vilas e cidades con oportunidades, con benestar social, con calidade de vida.
Modelo de goberno de éxito
“En Ribadeo o BNG demostrou do que somos capaces, demostrou que sabemos gobernar coma ninguén e este concello é un exemplo do modelo de éxito dos gobernos municipais do BNG, gobernos de calidade que saben xestionar cada euro con eficacia; gobernos solventes, con capacidade para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas; gobernos que fan que os concellos prosperen, que teñan dinamismo económico e social; gobernos con ideas para encarar os grandes retos de presente e de futuro”, salientou.
Resultado histórico o 28M
En concellos como Ribadeo, o BNG demostra que hai outra maneira de gobernar, que as cousas se poden facer ben neste País, indicou, “e con ese aval presentámonos o próximo 28 de maio ante a cidadanía, unhas eleccións nas que imos ter un resultado histórico, nas que imos ser a forza política que máis suba, unhas eleccións que serán un gran paso adiante para abrir un tempo novo en Galiza e darlle a este País, por primeira vez, un goberno liderado polo BNG e cunha presidenta coas mans libres”.
“Tedes a miña palabra de que ese goberno será un aliado incondicional de Ribadeo, e que lonxe de poñer paus nas rodas, remará na mesma dirección e sumará ao gran traballo que vai facer o Pablo como alcalde e todo o seu equipo a favor deste concello e da súa veciñanza”, proclamou.
Momento de retos ante a crise
Na súa intervención, Pontón tamén fixo referencia ao contexto complexo, no medio dunha crise de prezos que soben máis en Galiza, pese a ter salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. Por iso, o Bloque vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise, como a defensa dos servizos públicos, particularmente a sanidade.
“Porque, fronte ao PP que leva trece anos de recortes e privatizacións, o BNG defende a sanidade pública, porque temos dereito á saúde con independencia dos cartos que teñas na conta corrente”, subliñou. Alternativas xustas, porque fronte ao espólio éolico que promove o PP “para que as eléctricas se sigan forrando”, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz as familias e as empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”, explicou.
Alternativas sociais e xustas, afondou, tamén ante a subida das hipotecas. 175.000 familias teñen unha hipoteca que sobe de media 250€, mentres a banca ten beneficios obscenos. O BNG propón un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos. “Se se pudo gastar 90.000 M€ no rescate bancario por que non ás familias?”, interpelou.
“Galiza precisa un cambio de rumbo e estou segura de que o próximo 28M imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, imos seguir traballando con rigor, con humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír esa outra Galiza posible, concello a concello”, concluíu.


















Polo espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falou coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda; co coordinador do evento, José Ríos; con Patricia Díaz, que é alumna de 2º de Servizos de Ciclo Medio e concursante no XIII Campionato de Catas de Café; e con Alejandro Rodríguez e Luis López, responsables do tostadeiro Coffee Urban. O XVIII Campionato Internacional de Baristas e o XIII Campionato Internacional de Catas de Café seguen no IES de Foz ata o venres.
Na súa confección colaborou Óptima Cultura. A presentación será este venres, 27 de febreiro, ás 11.30 na propia Catedral.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
Coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía e da morte de Cunqueiro, o restaurante ribadense ofrece unha versión do Caldo de Gloria e dous pratos inspirados na obra gastronómica do mindoniense —empanada e ostras en escabeche— como forma de achegar a literatura galega á mesa.
O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.



