Víctor F. Freixanes aos nenos e nenas de Lourenzá: “Hoxe don Paco estaría moi feliz se puidese ver esta fermosa homenaxe que lle rendestes os nenos e nenas e mais o profesorado da súa Lourenzá”
Lourenzá, 6 de marzo de 2023. O colexio Juan Rey de Lourenzá, a terra natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, acolleu hoxe a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o espazo virtual que a Real Academia Galega dedica ao público infantil. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable do proxecto, Fina Casalderrey, visitaron o centro acompañados de Eva Mejuto e Lucía Cobo. A escritora e ilustradora asinan As cousas de don Paco, unha obra teatral infantil, para ler e para que representen os nenos e nenas, na que o lapis Donlapis, o reloxo Baldomero, a cámara de fotos Leica, a máquina de escribir Oliva e a lupa Guadalupa de Francisco Fernández del Riego son os encargados de achegar os nenos e nenas á figura do protagonista do vindeiro 17 de maio.
Alén da obra teatral, a páxina primaveradasletras.gal ofrece, entre outros recursos, actividades interactivas que irán medrando ata o mes de maio e fichas para colorear sobre Del Riego. Convocarase ademais, coma nas edicións anteriores, o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras. Todas as propostas da RAG desenvolvidas ao abeiro deste proxecto contan co apoio económico da Deputación da Coruña.
A presentación de Primavera das Letras desenvolveuse no único colexio de infantil e primaria do concello lugués de Lourenzá, onde Francisco Fernández del Riego naceu en 1913. O alumnado de 5º agasallou os convidados cunha divertida sorpresa tamén con forma de obra de teatro sobre a vida de Paco. O presidente da RAG e a académica Fina Casalderrey, xunto ao homenaxeado e o seu biógrafo local Manuel Román, foron parte dos personaxes representados polos nenos Brais Maseda Oliva, Damián Edrosa Veiga e Esteban Edrosa López, e a nena Cristina Otero Cruña. A obra é unha adaptación da mestra Consuelo Borrajo González, a partir do proxecto Dende a fiestra de don Paco, que traballou na dirección da man da titora do grupo, Dolores Neira Teijeiro.
O acto, no que participou toda a comunidade educativa do colexio de Lourenzá e do veciño colexio de Trabada, foi conducido polo director do CEIP Juan Rey, Eduardo Iglesias Villar, e contou tamén coa intervención da presidenta da Mesa Coordinadora don Paco, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; e da xefa de Servizo de Coordinación Cultural da Consellería de Cultura en Lugo, Ana Mel.
O inventor do Día das Letras Galegas “estaría moi feliz”
O presidente da RAG agradeceu a todo o profesorado do CEIP Juan Rey e de toda Galicia o seu labor como transmisores da lingua e da cultura galegas que tanto defendeu Francisco Fernández del Riego en tempos escuros, e lembrou que foi el o inventor, en 1963, do Día das Letras Galegas que agora protagoniza. “O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, a festa grande da nosa cultura. Hoxe don Paco estaría moi feliz se puidese ver esta fermosa homenaxe que lle rendestes os nenos e nenas e mais o profesorado da súa Lourenzá”, expresou Víctor F. Freixanes.
Fina Casalderrey tamén aplaudiu o “encomiable labor do profesorado” e desexou que a festa de hoxe anime a toda a rapazada de Lourenzá a defender e preservar a lingua galega, como fixo don Paco. “El sempre quixo apoiar a xente nova e abrirlle as portas á lingua no ensino; sabía que é nas nenas e nos nenos galegos onde agroma a verdadeira Primavera das Letras”, salientou.
O acto rematou coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, unha película producida pola RAG que incide tamén nesta idea e que lle dá nome á nova sección de Primavera das Letras, “Lingua Guapa”, que fornecerá o alumnado e o profesorado e infantil e primaria de novos recursos lúdicos e didácticos alén da celebración do 17 de maio. A película baséase nunha idea orixinal da propia Fina Casalderrey, que acaba de ser nomeada candidata ao Premio Hans Christian Andersen, considerado o Premio Nobel da literatura infantil e xuvenil.
‘As cousas de don Paco’, unha fórmula divertida e participativa
A obra de teatro As cousas de don Paco é unha proposta para dar a coñecer a figura de don Paco entre os nenos e nenas de infantil e primaria dende a fantasía e o humor sen renunciar á propia realidade da historia do intelectual e do tempo que lle tocou vivir. “Busquei unha fórmula orixinal, divertida e distinta de achegar a rapazada á figura de don Paco dende o aspecto máis humano pero non só iso, procurei tamén presentar a historia dunha época en Galicia, porque Del Riego é en si mesmo a historia do século XX en Galicia”, conta a escritora Eva Mejuto.
Canto á escolla do teatro, a escritora salienta que apostou por este xénero como unha maneira de procurar a participación activa da rapazada. “Prefiro que en vez de ser espectadora pasiva teña unha actitude participativa, dinámica e de creación. Creo que o máis interesante da literatura é que sirva como punto de partida para facer cousas”, reflexiona.
As cousas de don Paco pode descargarse en primaveradasletras.gal xunto a fichas para colorear baseadas en distintas escenas da obra e marcapáxinas e chapas co Francisco Fernández del Riego debuxado por Lucía Cobo para o público máis novo. Ao se mergullar na vida do autor, a ilustradora foi botando abaixo preconceptos e deu coa esencia do personaxe. “Nun primeiro momento comecei a construír unha imaxe na que os termos rigor, esixencia, erudición, austeridade e seriedade primaban por riba doutros valores. Logo de profundar en diversas biografías e entrevistas e de coñecer aspectos máis persoais e vivenciais do autor, descubrín esa faceta que tamén o definía de abeiro e proximidade, e que envolveu a miña imaxe dun halo de agarimo e tenrura. Así naceu o meu particular Don Paco”, conta Lucía Cobo.
























Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



