Ribadeo, 23 de xuño de 2023. O compromiso do Concello coa reforma do Hospital Asilo é absoluto. Así o subliñou o alcalde, Dani Vega, tras a visita realizada a esta instalación na compañía da concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, e do traballador social, José Luis Gegunde. Vega garante o investimento das administracións.
O obxectivo foi amosar o compromiso do equipo de goberno co Hospital Asilo: “coa visita que fixemos ao Hospital Asilo o que quixemos foi mostrar o compromiso que sempre tivemos con esta instalación, cos traballadores, coa congregación relixiosa e coas persoas que viven alí”, declarou o rexedor.
Dani Vega manifestou que “todos estes pasos que se foron dando durante todo este tempo eran a demostración do compromiso e do traballo que se estaba a facer. O primeiro que quero facer é dar as grazas á congregación relixiosa por todo o traballo realizado durante todos estes anos e agora ao facer obras e pechar por este motivo o Hospital Asilo non van poder seguir aquí, pero o meu agradecemento absoluto e total por toda a labor realizada. Tamén lle quero agradecer aos traballadores que cumpriron con todas as persoas que viven alí, uns traballadores que fixeron máis do que se lles pedía, e tamén aos técnicos municipais do Concello porque acometeron un traballo moi importante”.
O alcalde ribadense considera que “entre todos é como se deben facer as cousas, cunha coordinación que se traduciu en reubicar ás persoas que viven no Hospital Asilo en distintas residencias que nos ofertou a Xunta de Galicia. Ese traballo fíxose moi ben, quedan algunhas persoas que debemos reubicar, coordinando coas familias, coa administración autonómica e tamén cos técnicos municipais. Un traballo ben coordinado deu uns resultados moi positivos e nestes momentos seguimos traballando para xestionar mais orzamento para a reforma do Hospital Asilo”.
Vega Pérez dixo: “temos un orzamento dunha herdanza do doutor Moreda, temos un compromiso por parte da Xunta de Galicia e estamos a facer xestións para incrementar esa cantidade. E tamén temos unha parte de fondos propios do Concello de Ribadeo”.
E subliñou: “na coordinación é na que estamos, nesa xestión en beneficio do Hospital Asilo e o traballo vai dar os seus resultados. Esta visita tradúcese nun compromiso absoluto por unha residencia que é fundamental para o noso concello”.