O Partido Popular tamén aposta por reducir o IVE do peixe do 10 ao 4% como produto de primeira necesidade para incentivar o seu consumo e beneficiar a toda a cadea de comercialización
Celeiro, 7 de xullo de 2023. Os populares lucenses defenden “un sector pesqueiro máis competitivo, con máis emprego e máis estable”. Así o expuxo o cabeza de lista por Lugo ao Congreso, Francisco Conde, durante unha visita á lonxa do porto de Celeiro, en Viveiro, xunto ao cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, e membros das candidaturas do PP ás eleccións xerais.
O Partido Popular ten moi clara a importancia do sector para a provincia. Nese sentido, o candidato defendeu “un sector pesqueiro con futuro” para o que o programa dos populares recolle medidas de impulso. E, ademais, “para que se poida traballar con normalidade” o PP propón medidas para impulsar a remuda xeracional e frear o veto á pesca de fondo imposto dende Bruxelas e que prexudica de forma especial á frota da Mariña, tanto de Celeiro como de Burela.
Igualmente, Conde incidiu na proposta que viña defendendo o propio Alberto Núñez Feijóo de rebaixar o IVE do peixe como produto de primeira necesidade para incentivar o seu consumo. De feito, a negativa do Goberno de Sánchez a reducir o IVE do peixe, cando si reduciu de forma temporal o doutros produtos alimentarios como a pasta, supón un agravio comparativo que desincentiva o consumo e prexudica ao conxunto da cadea de comercialización.
MEDIDAS DO PARTIDO POPULAR
O programa do Partido Popular recolle políticas que buscan acadar un sector pesqueiro español máis competitivo, xerador de riqueza e emprego, á vez que proporcionan seguridade e estabilidade. O desenvolvemento da actividade debe camiñar cara á sostibilidade facéndoa compatible co resto de actividades.
Igualmente, os populares apostan por “escoitar ao sector” e apoialo na implantación do novo regulamento de control de pesca e defender os seus intereses” tamén ante as institucións europeas e outros organismos internacionais. Nesta liña, apostan ademais por facer un seguimento do cumprimento dos acordos pesqueiros con terceiros países, en beneficio do conxunto da frota española.
Entre as propostas do Partido Popular para implantar desde o Goberno de España atópase tamén potenciar a remuda xeracional mediante a adaptación da formación ás necesidades do sector e facendo máis atractiva a vida a bordo. Ao mesmo tempo, defende a promoción dos produtos pesqueiros como parte dunha dieta saudable mediante a redución do IVE tanto aos produtos do mar como ás conservas e apoiar o labor do complexo mar-industria.
Outras das medidas que defenden os populares son a loita contra a pesca ilegal, garantir que este sector estratéxico contribúa á seguridade alimentaria e optimizar a xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura.
A XUNTA DE GALICIA, CO SECTOR
Conde puxo como exemplo as políticas da Xunta de “escoita e apoio ao sector pesqueiro e á cadea mar-industria”. O candidato ao Congreso subliñou que “o Executivo galego ten un modelo de xestión que permite defender os intereses do ámbito pesqueiro, o desenvolvemento da pesca sostible, o apoio á remuda xeracional, a promoción dos produtos pesqueiros e mellorar as infraestruturas. E esta forma de traballar é replicable a nivel nacional para mellorar a situación do sector”.
Algúns exemplos concretos son o investimento por parte do Goberno galego de 1,5 M€ para a promoción da pesca sostible e a incorporación de xente nova ao sector con aportacións para melloras a bordo dos buques pesqueiros ou a posta en marcha da campaña ‘GALICIA SABE AMAR’ para promover o consumo dos peixes e mariscos galegos, que este ano conta con catro foodtrucks que están a levar o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago.
ALMORZO INFORMATIVO CON EMPRESARIOS DA MARIÑA
Os candidatos ao Congreso e ao Senado tamén participaron esta mañá nun almorzo informativo con empresarios da comarca da Mariña no hotel Palacio de Cristal en Burela, onde defenderon o programa electoral do Partido Popular “centrado no benestar das persoas e nunha economía competitiva”.
O cabeza de lista ao Congreso, Francisco Conde, asegurou durante a súa intervención que “Lugo necesita en España as políticas económicas do PP, que presenta un programa rigoroso para a industria e o emprego”. Nese sentido, destacou catro grandes obxectivos: o impulso dunha economía baseada no talento, na innovación e no coñecemento; a creación de emprego de calidade para todos; o control do déficit e da débeda e redución da presión fiscal; e a reindustrialización da economía, facendo un mellor uso dos fondos europeos.




















A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



