A Oficina Técnica da Seca reitera a necesidade de manter as medidas preventivas, sendo necesaria a colaboración dos concellos e da cidadanía, coa restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2023. A Oficina Técnica da Seca da Xunta vén de declarar hoxe a situación de seca prolongada nas concas da ría da Coruña e de Betanzos e nos sistemas de abastecemento de Ferrolterra e da Mariña, co obxectivo de anticiparse á redución dos caudais circulantes ante un escenario de ausencia de precipitacións nestes sistemas de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.
O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu esta mañá en Santiago unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade, na que se determinou a situación de seca prolongada en 9 dos 19 sistemas de explotación da bacía de competencia autonómica.
En concreto, actívase a situación de seca prolongada nos sistemas do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Santa Marta de Ortigueira e ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma; e ría de Ribadeo.
Os integrantes da Oficina da Seca avaliaron a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, tomando como referencia o índice de precipitacións estandarizadas nesta época do ano, e constatando unha anomalía media das precipitacións no mes de xullo en Galicia dun 43% inferior ao valor climático normal. Isto determinou a activación da situación de seca prolongada nestes 9 sistemas. Cómpre lembrar que a seca prolongada está relacionada exclusivamente coa diminución das precipitacións.
Por outra banda, desde o pasado 21 de xullo está activada a prealerta por escaseza -que mide o nivel de risco de abastecemento en función das reserva de auga dispoñibles-, no sistema do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na bacía do río Anllóns e costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.
Na reunión de hoxe, a Oficina da Seca tamén tomou en consideración as previsións de precipitacións para este mes de agosto, no que os modelos climatolóxicos prevén precipitacións escasas e que, ao igual que sucedeu no mes de xullo, mesmo algunhas zonas poderían sufrir un déficit de precipitacións, coa diminución do caudal medio circulante nos principais sistemas de explotación. Por elo, tras analizar a evolución destes sistemas nas últimas semanas de xullo, a Oficina Técnica da Seca confirmou o mantemento das condición do escenario de prealerta por escaseza, ou escaseza moderada.
En concreto, no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na bacía do río Mero, Arteixo e ría da Coruña segue a experimentarse unha ocupación por debaixo dos últimos anos, situándose a data de 31 de xullo nun 64,43%. No caso da bacía do río Anllóns seguen á baixa os niveis de caudal fluínte.
Ademais, mantense a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona.
No encontro mantido hoxe confirmouse tamén que a situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, presenta niveis de normalidade.
A ocupación actual dos encoros de abastecemento a data 3 de agosto de 2023 en Galicia-Costa é do 81,63%, 1,17 puntos por debaixo da ocupación do mesmo período para o ano 2022.
Anticipación e prevención
A activación da situación de seca prolongada nas concas da ría da Coruña e de Betanzos e nos sistemas de abastecemento de Ferrolterra e da Mariña; así como o mantemento da prealerta por escaseza nas bacías do río Mero e do río Anllóns e no subsistema de Baiona son medidas preventivas da Xunta que buscan a anticipación, maior seguimento e prevención ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.
A súa declaración implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais recóllense medidas de concienciación da cidadanía.
Dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.
A Oficina Técnica da Seca reitera a necesidade de manter as medidas preventivas, sendo necesaria a colaboración dos concellos e da cidadanía, coa restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible






















A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitouna no seu domicilio para felicitala e entregarlle un ramo de flores en nome de toda a veciñanza. Nada en Sargadelos e veciña de Cervo, foi a máis nova de dez irmáns e desde moi nova traballou no campo e coidou dos animais, sempre cun gran espírito de esforzo. Nai, avoa e bisavoa, a súa familia destaca a súa alegría, enerxía e bo humor. Moi activa ao longo da súa vida, gozaba de viaxar, da praia, de conducir e de participar nas actividades municipais, ademais de cultivar a súa paixón por cantar. Coqueta, sorrinte e cun espírito novo, Benedicta é hoxe un exemplo de vitalidade para todo o municipio.
O Pazo de San Marcos acolleu a conferencia final, de Manuel Andrade Baliño, e a entrega de premios ás alumnas e alumnos que obtiveron mellores valoracións nas probas que realizaron, o xoves, individuais, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, e o venres, por equipos, en Mondoñedo. A final do certame, cunha axenda complentaria que achegou ás rapazas e rapaces ao patrimonio e á cultura, celebrouse por primeira vez en Lugo da man da Asociación Galega de Profesorado de Matemáticas (Agapema) e coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.
Por este motivo, o Concello recomenda ás persoas, colectivos e entidades que precisen facer uso dalgunha instalación municipal ou solicitar material que presenten as súas peticións coa antelación necesaria. A medida permitirá organizar adecuadamente a atención das solicitudes e a planificación dos recursos municipais.
Dentro desta programación, o martes 30 de xuño ás 11:00 celebrarase na Casa da Cultura unha charla divulgativa impartida pola astrofísica Lucía González Cuesta, aberta a toda a veciñanza. A iniciativa enmárcase no programa provincial que busca ofrecer información rigorosa e garantir unha observación segura. Durante a xornada repartiranse folletos e gafas homologadas. A alcaldesa, Marta Rouco, destaca o carácter histórico do eclipse e anima a participar para vivilo con seguridade. O Concello lembra que só deben empregarse gafas específicas para mirar ao sol e continuará colaborando en actividades divulgativas e sociais arredor deste acontecemento único.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
A convocatoria foi realizada polo Concello para amosar a solidariedade de Ribadeo con esta catástrofe natural.
Renova o seu compromiso co club despois de facerse cargo do equipo a mediados da campaña pasada. O técnico pontenovés afrontará este novo ciclo con traballo, compromiso e ilusión para seguir liderando a nave celeste.



