O Deputado de Recursos Sostibles e a Alcaldesa da localidade clausuraron unha nova edición desta dobre cita coa que colabora a institución provincial cunha achega económica, con difusión, cunha demostración culinaria e cun expositor informativo
Burela, 6 de agosto de 2023. O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, e a Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, xunto ao xerente de Expomar, José Manuel González Brais, participaron este domingo na Nave de Redes do Porto da localidade na clausura da XXI Feira dos Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart e da XXXVII Feira do Bonito, recoñecida de Interese Turístico Nacional. Unha dobre cita coa que colabora a Deputación de Lugo e que converteu un ano máis a este municipio da Mariña na capital do bonito, o arte, a artesanía e a gastronomía.
Concretamente, a institución provincial apoia a Feira do Bonito cunha axuda económica de preto de 6.000€, con difusión e cunha demostración culinaria; e instalou un expositor informativo sobre os recursos patrimoniais, naturais e paisaxísticos da provincia na Feira Produart, á que achegou tamén máis de 3.000€ para a súa organización.
“Esta festa é unha auténtica reivindicación do noso. Do noso mellor produto, pero tamén dos nosos mellores valores, porque da man de Produart esta cita converteu a Burela nun referente tamén do consumo responsable, nun lugar no que se valora a proximidade e as cousas feitas con mimo e a man”, sinalou o Deputado.
Cajoto destacou así mesmo que o bonito “é un elemento clave no desenvolvemento social e económico de Burela, pero tamén o é na oferta turística deste concello, e do conxunto da Mariña e da provincia” e nese sentido apuntou que o produto actúa como “un embaixador único” da riqueza do territorio.
Felicitou ademais o Deputado ao Concello de Burela e á organización da Feira do Bonito e Produart, a asociación Ledicia e Expomar, “por sacar adiante estas feiras con tanto éxito” e cun balance tan positivo “en termos de participación e tamén de retorno económico para o concello e para a comarca. Está claro que cando unimos forzas o resultado é sempre o mellor posible”.