“Ter conexión eléctrica óptima poder ser considerado un dereito fundamental a estas alturas do século, pero como mínimo é un servizo básico imprescindible tamén no rural”, asegura a deputada Carme Aira
Santiago de Compostela, 21 de setembro, 2023. A deputada do BNG levou hoxe a debate na Comisión 6º do Parlamento unha proposición non de lei para reclamar cambios normativos e que se tomen medidas co fin de evitar os microcortes de electricidade que sofren de maneira recorrente algunhas zonas de Lugo, no contorno da capital da provincia en municipios como Castro de Rei pero sobre todo na montaña oriental e de norte a sur da provincia, e incluso tamén na comarca ourensá de Valdeorras.
Na defensa da súa iniciativa, Aira explicou que este tipo de cortes que duran “milisegundos” conviven de maneira habitual con outros máis prolongados, o que fai que en moitos fogares conten cun xerador eléctrico a combustible. Son microcortes, engadiu, que poden afectar aos electrodomésticos, aparatos médicos de uso habitual, caldeiras, cociñas eléctricas, ordenadores ou caldeiras, mais tamén “á cada vez máis tecnificada agricultura e gandería”. Subliñou, así mesmo, as complicacións que supoñen para as conexións a Internet e as dificultades para todo tipo de negocios.
“Ter conexión eléctrica óptima pode ser considerado un dereito fundamental a estas alturas do século, pero como mínimo é un servizo básico imprescindíbel no rural que se debe subministrar coa maior calidade posíbel”, afirmou Carme Aira, incidindo na importancia que ten a prestación de servizos para fixar poboación. “Necesitamos que este rural viva e para que o faga non podemos permitir que quede aillado e a escuras”, advertiu.
A deputada nacionalista criticou, por outra banda, que o Goberno do Estado non está cumprindo coa súa obriga de mellorar a conectividade nestas zonas, posto que segue a haber microcortes e cortes de luz que “impiden un normal funcionamento socioeconómico polo menos na provincia de Lugo e na de Ourense”, precisou.
Carme Aira avogou por cambios na normativa estatal para que as zonas rurais non sexan discriminadas fronte ás urbanas no tratamento da calidade de rede, e pediu ademais un plan autonómico para cumprir os parámetros de calidade de rede esixidos na norma UNE-En 50.160 en colaboración coas empresas distribuidoras de electricidade. Propuxo tamén realizar unha análise sobre o estado actual do servizo eléctrico na montaña lucense e expoñer publicamente os resultados, así como as medidas correctoras necesarias para atallar as eivas detectadas.
Segundo información proporcionada pola propia Xunta, os cortes de luz se monitorizan pero sempre e cando a súa duración sexa superior os tres minutos. “A regulamentación non pon o foco nos microcortes, polo que non importa o lesivos que sexan social, laboral ou economicamente”, advertiu Aira, quen rexeitou, neste punto, que para medir a calidade do servizo se utilice como indicador o número de queixas dos usuarios.
“En moitos casos son pouco proclives a presentar reclamacións precisamente porque as empresas subministradoras de electricidade ou Internet non se fan cargo de compensar economicamente estas interrupcións polo amplo marxe que se lles deixa”, alegou para pedir cambios normativos neste sentido.
“Pensamos dende o BNG que é hora de poñernos no século XXI, é dicir, poder gardar os candís nos museos etnográficos e avanzar á seguinte páxina”, rematou dicindo a deputada pola provincia de Lugo, lamentando que o voto en contra do PP e a abstención dos socialistas á súa iniciativa. Os populares presentaron unha emenda rexeitada polo Bloque ao entender que “evitaba o gasto” e “non resolvía o problema”.


















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



