Foz, 17 de outubro de 2023. A Aula Universitaria de Foz, da UNED Lugo, ten aberto ata este sábado, 21 de outubro, o prazo de matrícula para o curso de acceso a maiores de 25 e 45 anos. E o luns, día 23, rematará para calquera dos seus 30 graos e 21 graos combinados sen límite de prazas, aos que se pode acceder sen nota de corte e con prezos públicos. Anunciouno hoxe, luns, a concelleira de Aula Universitaria, Elena Martínez Pena.
Uned Lugo continúa a implantación no curso académico 2023-24 do Grao en Educación Infantil, que completa a oferta da súa Facultade de Educación, preparando futuros graduados dedicados á formación de nenos durante a primeira infancia de 0 a 6 anos; e do Grao en Enxeñaría da Enerxía, que se engade á ampla oferta da súa Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e que fai fronte aos retos tecnolóxicos para formar profesionais capaces de contribuír en materias de sustentabilidade, eficiencia global, ética profesional e políticas enerxéticas de aforro e racionalidade na xeración e o uso da enerxía.
As persoas maiores de 25 e 45 anos que non tiveron no seu día a posibilidade de realizar estudos universitarios poden agora, a través do Curso de Acceso, ver cumprido o seu obxectivo de adquirir unha formación superior.
Todas as materias que se imparten dispoñen, así mesmo, de titorías presenciais un día á semana, que axudan a conseguir unha boa preparación da materia e, en consecuencia, a superación dos exames.
Cada curso académico varios centenares de persoas retoman os seus estudos regrados pola vía do Curso de Acceso á Universidade.
Uned Lugo oferta tamén unha ampla gama de Programas Oficiais de Posgraduado conducentes á obtención dos títulos de Mestrado e Doutor, axustados aos criterios do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Unha oferta de máis de 70 mestrados oficiais, distribuídos nos distintos campos do saber, permite elixir aquel que mellor se axuste á especialización académica, profesional ou investigadora que se desexe adquirir.