A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases das convocatorias de axudas para asociacións culturais, dirixidas ao desenvolvemento de actividades e á mellora dos locais
Lugo, 22 de marzo de 2024. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo aproba cun orzamento de 380.000 euros as bases para a convocatoria de axudas para o tecido cultural de base. A Xunta de Goberno aceptou este venres o procedemento que permitirá as entidades culturais desenvolver actividades culturais e mellorar os locais.
Trátase de dúas liñas de axuda, unha destinada á organización de actividades de promoción e dinamización cultural, cun importe de 255.000 euros, e outra dirixida a financiar investimentos en instalacións e equipamento nos seus locais sociais, de 125.000 euros.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou que “este ano mantemos o orzamento da última edición, o que permitirá continuar reforzando o apoio ás asociacións culturais de base, na súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultural, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garantir o acceso á actividade cultural en todo o territorio”.
Sinalou tamén a importancia destes investimentos que permiten que “os colectivos do rural programen actividades e impulsen tamén estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”.
As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia nas vindeiras semanas, abríndose daquela o prazo para facer as solicitudes.