O acto de entrega de premios do concurso de fotografía amateur “Traballos e mulleres” e do concurso de debuxo escolar “Mamá traballadora” tivo lugar na Sala Multiusos do Concello
Viveiro, 13 de abril de 2024. O Concello de Viveiro entregou este sábado os premios do concurso de fotografía amateur “Traballos e mulleres” e do concurso de debuxo escolar “Mamá traballadora”, convocados ambos con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.
Estes certames son impulsados anualmente pola Delegación Municipal de Muller e o Centro de Información ás Mulleres de Viveiro como parte das iniciativas realizadas arredor do 8 de marzo.
O acto de entrega dos premios de ambos concursos tivo lugar este sábado ás 12:30 na Sala Multiusos do Concello de Viveiro.
O primeiro premio de fotografía, dotado con 300€, foi para “Singer woman”, de Luis María Barrio Sáenz. O segundo, de 150€, foi para “Recordos”, de Reyes Cerdá Mira. O terceiro, de 100€, para “Trombonista de Viveiro percorrendo o mundo enteiro”, de María Simón Cundíns.
O xurado deste premio estivo conformado por José María Álvez (fotógrafo de El Progreso), Pepa Losada (fotógrafa de La Voz de Galicia), Saúl Jiménez (fotógrafo de Carlos Fotógrafos) e Toño Goás (fotógrafo de Entrefotos).
No concurso de debuxo escolar recibiron o premio Aleixo Mariño Gómez, de 3º de primaria do CEP Lois Tobío; Lara González Insua, de 4º de primaria do CEIP de Celeiro; Xoel Canoura Escourido, de 5º de primaria do CPR Landro, e Carlota Oroza Díaz, de 6º de primaria do CEP Lois Tobío.
Deste xurado formaron parte Oliva Díaz Mejuto (artista local), Paula Díaz Mejuto (artista local), Ana María Abad López (CIM Viveiro), Margarita Fernández Franco (CIM Viveiro) e María Covadonga Dopico Cachán (Biblioteca Municipal).