As obras para a dársena focense contan cun orzamento previsto dun millón de euros
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2024. Portos de Galicia vén de iniciar o trámite de información pública da addenda ao estudo de impacto ambiental das obras de dragaxe do porto do municipio lucense de Foz, nas que o ente público prevé un investimento de 1 millón de euros. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio cun prazo de 30 días hábiles contados a partir de mañá.
Durante este prazo a documentación relativa ao impacto ambiental das futuras obras de dragaxe do porto de Foz estará dispoñible para consulta pública na web de Portos de Galicia. As persoas interesada poden acceder a ela a través da ligazón https://portosdegalicia.gal/es/web/portos-de-galicia/procesos_informacion_publica.
Esta addenda é o resultado do cambio nos criterios de protección ambiental por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, que vén de ampliar a declaración de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) a todo o litoral galego, incluíndo o dominio público portuario. Esta nova restrición afecta de xeito directo á tramitación das obras portuarias e, no caso de Foz, obrigou á redacción dun estudio de afectación ás aves da contorna do porto, que se engade ao Estudio de Impacto Ambiental, que xa superara o trámite de información pública o pasado mes de novembro.
As obras previstas por Portos de Galicia no peirao de Foz consisten nunha dragaxe plurianual durante os vindeiros 4 anos no acceso ao porto e a dársena pesqueira, cun volume total de material para extraer de máis de 70.000 metros cúbicos.