Efrén Castro e Daniel García valoraron “a participación de equipos locais, que afianza a pegada deportiva da proba na comarca”
Viveiro, 8 de maio de 2024. Esta tarde presentouse en Viveiro a sexta edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputará do 10 ao 11 de maio en treitos dos concellos de Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo, e que terá a base en Viveiro.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é a principal patrocinadora da proba, na que participarán 76 equipos, entre eles 11 pilotos das escuderías mariñás Mix Rallye Sports e A Pontenova.
Un dos grandes alicientes da proba é a presenza dos WRC de Victor Senra, Alberto Otero e Antonio Pérez , entre os favoritos para o Campionato Galego de Rallly. Ademais, estarán en xogo 11 Copas de Promoción e un Trofeo Copa Kilómetro Cero para o máis rápido dos pilotos locais.
Na presentación, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o deputado de Mocidade Daniel García destacaron “a aposta que desde a Vicepresidencia da Deputación se fixo desde o inicio pola proba, que se puxo en marcha en 2019 para responder e canalizar a gran afección ao motor que hai na comarca, como se verá tamén este ano, tanto na liña de saída, coa participación de pilotos locais, como á beira das estradas”.
Nese sentido, os responsables provinciais subliñaron que “no fomento do deporte, en todas as disciplinas e tamén no automobilismo, é fundamental unha distribución territorial que facilite o acceso ao deporte en todas as comarcas, polo que valoramos especialmente a participación e a implicación de equipos locais”.
Por último, animaron “a afeccionadas e afeccionados de toda Galiza a achegarse ata a Mariña para desfrutar do Rally, no que o espectáculo deportivo está garantizado coa presenza dos mellores pilotos galegos”.
No acto, celebrado no Hotel Las Sirenas, participaron representantes dos concellos polos que pasa a proba, da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno -que coordina a seguridade – e pilotos locais, así como o presidente da escudería organizadora da proba Mix Rallye Sports, Ignacio Dávila, e a directora técnica da carreira, Maite Vilanova, e o presidente da Federación Galega de Automobilismo Antonio Rodríguez Troitiño.
Desenvolvemento do Rally
O Rally da Mariña Lucense, a cuarta proba do Campionato Galego de Rally -despois das celebradas na Coruña, Lalín e Noia -, disputarase en catro tramos, a dobre pasada, sumando un total de 88,5 km cronometrados: o do Vicedo, 14,56 quilómetros, que comeza na Avenida Deputación e remata no mirador de Riobarba; o de Ourol, de 9,25 quilómetros, entre o pavillón municipal de Ourol e Viladóniga; o de Cervo, de 10 quilómetros, con saída diante da fábrica de Sargadelos e chegada no Castelo; e o de Xove, de 10,47 quilómetros, con saída diante da Casa do Concello e meta no Monte Golán.
A ceremonia de saída será o venres, 10 de maio, ás 20.30 horas en Viveiro, que acollerá os parques de asistencia (aparcamento do Pavillón Municipal de Viveiro) e reagrupamento (Aparcamento Grallal en Covas). O sábado pola mañá, 11 de maio, os pilotos correrán no Vicedo e Ourol, facendo dúas pasadas en cada tramo. O rally continúa pola tarde nos tramos de Cervo e Xove, tamén con dúas pasadas.
Apoio ao automobilismo
O apoio á celebración do Rally da Mariña -cunha achega de 23.000 euros – encádrase na colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén co tecido automobilistico provincial, co patrocinio das probas máis destacadas da provincia – Rallly San Froilán, Subida a Chantada, Subida á Pontenova e Subida a Taboada -, a organización do Volante Deputación, orientada a pilotos noveis que se queren iniciar na competición, e coa convocatoria anual de axudas de concorrencia competitiva para pilotos.























Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



