O pasado día 9 soubemos do pasamento de Suso Ares, un veciño de Foz ligado ao mundo do mar… e ao mundo do fútbol. Neste último acadou unha meta significativa, ser o primeiro xogador da nosa vila en xogar na Primeira División do fútbol español.
Suso naceu o 20 de novembro de 1933. Era fillo da familia “Os Quintanero”. Seu pai, Eliseo Ares Rivas, e súa nai, Dominga Otero Gallo, formaron un fogar que tivo 8 descendentes: Antonio, María, Eliseo, Abelardo, Ramona, Anita, Moncho e Suso, o máis novo. Vivían no barrio mariñeiro. Desde a súa infancia, a familia estivo dedicada ao mundo do mar. Eran donos dunha lancha da traíña de nome TRES HERMANOS.
Co paso dos anos, viñeron outras embarcacións: Antonio, Eudosia, Jesús del Gran Poder, Dominga, Delio, que cambiou o nome por Quintanero, Ares Otero, Nuevo Quintanero, Quintanero, Hermanos Quintanero. Os barcos tiñan o casco de madeira e a súa base estaba no Porto de Foz.
No ano 1967 construíron o Siempre Quintanero, un barco con casco de aceiro e trasladaron a súa base ao porto de A Coruña para dedicarse á nos mares do Gran Sol, formando sociedade os irmáns Eliseo, Moncho e Suso. En 1972, a flota aumenta coa construción do Eliseo Quintanero.
“Os Quintanero” son moi queridos na vila porque proporcionaron moito traballo e fixeron progresar a moitas familias. Nos seus barcos formáronse mariñeiros novos que logo chegaron a ser armadores.
Os seus barcos son coñecidos no Cantábrico pola cantidade de peixe desembarcado en Foz e en diferentes portos do Cantábrico. José Pino dicía nun artigo que Eliseo Ares Otero «Quintanero» pasa por ser uno de los patrones de pesca del elenco de los elegidos del Cantábrico(…) fue cabeza visible de una saga puntera.
Pero Suso tiña outros obxectivos vinculados ao mundo do fútbol. De pequeno estudou no Colexio Sagrado Corazón (hoxe Martínez Otero). En 1948 comezou a xogar no equipo do Cultural Juvenil da man do Hno. Próspero, relixioso menesiano, que se encargou de reclutar mozos de Foz e alumnos do Colexio para formar o citado equipo.
O Juvenil xogou o 31 de maio de 1950 un partido amigable e venceu ao Juventude de Hierro de Ortigueira por 6-3, no que destacou Ares. Foi o mellor sobre o campo con apenas 17 anos. Con moi boa posición, mellor precisión nas entregas, pases medidos e sempre ao compañeiro mellor situado. Empezaba a despuntar un gran xogador.
Daquela veraneaba en Foz un señor de Lugo coñecido como “Don Salus”, directivo da Gimnástica Lucense -2ª División-, que lle propuxo fichar polo citado equipo. Pero, na casa, non viron con bos ollos ese futuro.
Nun artigo do xornal madrileño PUEBLO referido a Ares di: La familia de Ares es rica. Sus barcos de pesca son importantes, sobre todo uno, que es la envidia de la competencia. Ares, cuando dijo que dejaba la mar por el fútbol, tuvo disgusto familiar, pues los hermanos le dijeron que lo suyo era la pesca, la mar. Ares dijo que no, que a él el fútbol le gustaba más. Entonces le retaron: “Al tiempo: tú terminarás regresando a casa, el fútbol no es bueno, te asquearás de él”. Ares, haciendo oídos sordos a esto, replicó: “Triunfaré a pesar vuestro”.
Na temporada 1950-1951 xogou na Gimnástica Lucense. Ao remate desapareceu o equipo e fichou polo Rácing de Ferrol -2ª Div.-, onde estivo dúas temporadas e media.
A mediados de 1954, o Celta de Vigo ficha a Ares, cun contrato por 3 anos. Xa temos ao noso veciño nun equipo da 1ª División.
O gran ano de Ares foi na tempada 1956-57, con Alejandro Scopelli como adestrador. Con el chegou Gutiérrez, un sensacional centrocampista arxentino que formou con Ares unha excepcional liña media. Xogou 28 partidos de liga e anotar 2 goles.
Ao remate da liga 1956-1957 foi traspasado ao At. de Madrid por 1.250.000 ptas., rebaixando a débeda que tiña o Celta. Firmaba por 3 anos. Compartiu vestiario con nomes famosos do fútbol: Peiró, Collar, Mendoza… Mais, non tivo sorte. O adestrador Daucík non contou con el nos seus plans e só xogou 6 partidos en Liga e 2 na Copa.
Nunha conversa contábame: Na temporada 1957-1958 fomos sub-campións de liga. O último partido era contra a Real Sociedad, en San Sebastián. Como non podíamos alcanzar ao campión, o Real Madrid, Daucík puxo os xogadores non habituais… e gañamos 2-4, quedando o adestrador sorprendido e os xogadores, moi satisfeitos.
Ao ano seguinte foi cedido ao Málaga (2ª División). O xornal PUEBLO, dicía: Ares, antes de partir para Málaga, comentó “Yo, la rabia que tengo es que me tengan arrinconado en el Atlético; estoy deseando que me traspasen, que me den la libertad. Quiero jugar, demostrar que sirvo para el fútbol”. Entonces, como ignorábamos el reto familiar, pensamos que lo de Ares eran celos. Ahora vemos que no eran celos, sino orgullo de hombre de bien.
Rematada a tempada, volveu a Madrid, onde pasou o último ano co Atlético. En 1960 foi traspasado ao Salamanca, equipo da 2ª División, onde xogou durante tres anos.
O 24-7-1960 é unha data recordada en Foz. Celebrouse un partido entre o C.D. Foz (reforzado con xogadores do At. de Madrid: Ares, Mendoza, Amador e Lodeiro) e o Arsenal de Ferrol. Grazas a Ares, o público viu en directo xogadores de 1ª División.
Na época salmantina, Ares contraeu matrimonio o 8 de xuño de 1961 con Mª Rosario Pardo Prada. O novo fogar incrementouse coa chegada dos fillos Celia, Jesús e Ana.
Suso saíu na prensa despois dun partido contra o Rácing de Santander: ¿Quién estuvo como nunca… ayer, en el Sardinero? Ares. En los períodos de contención, el volante salmantino Ares fue el mejor hombre del bando visitante, dominando magníficamente su zona y derrochando entusiasmo en todos los momentos, imponiéndose por su velocidad y su genio para intervenir en cualquier situación. Cuando el Salamanca pasó a dominar, Ares se mostró como un volante ágil, con gran juego, dando a sus compañeros infinidad de servicios. Ares estuvo en el Sardinero como nunca.
No ano 1963 fichou polo Langreo -2ª División-, onde xogou 3 tempadas. A prensa volve falar de Ares. Logo dun partido en Riazor contra o Deportivo: “El que las pegó todas fue Ares. Dió un verdadero curso. Con limpieza, precisión, y además con fuerza y nervio para defender… conociendo las características del chico de Foz que es un profesional integral (…) Ares ha estado hecho un coloso”.
En 1966, Ares abandonou o fútbol despois de xogar 15 anos como profesional. Un día fíxenlle unha entrevista a modo de resumo futbolístico. Estas foron as respostas:
– O teu impulsor foi? R/ O Hno. Próspero.
– Anécdota de Madrid? R/ Un día, Meana -seleccionador nacional- dime “Ares, te tengo en la lista”. Pero non cheguei a xogar na Selección.
– Entrenadores que destacarías? R/ O mellor foi Scopelli, no Celta. Tamén me gustaba Villalonga, no At. de Madrid, que logo sería seleccionador español, gañando a Copa de Europa (España 2 – Rusia 1).
– Algúns compañeiros cos que xogaches? R/ No Celta Azpeitia, Gutiérrez, Quinocho…No Atlético: Mendoza, Peiró, Collar. Vavá (campión do mundo con Brasil)
– Algúns xogadores aos que te enfrontaches? Di Stéfano (o máis completo), Kubala, Luís Suárez, Gento.
– Países nos que xogaches? R/ Co Celta, en Portugal (Porto, Lisboa). Co Atlético, en Francia (Lens, Metz, Nantes), Alemania (Colonia, Essen) e Italia (Cagliari).
Unha vez retirado do fútbol, Suso volveu ter contacto co mar como armador de barcos, xunto aos seus irmáns Eliseo e Moncho. Aínda que vivía na Coruña, non deixou de vir a Foz asiduamente coa súa familia. Os últimos anos xa se estableceu na súa vila natal, nunha casa preto da Praia de Llás, onde pasou gratos días con Saros (a muller), cos fillos e cos netos, Jesús, Iago e Inés.
Suso, moitas grazas polos bos momentos que fixeches pasar como xogador, e tamén por todo o aportado no mundo laboral. Descansa en Paz.
Antón Niñe Fernández,
Foz, 15 de novembro de 2024.












Arxentina de nacemento e viveirense de corazón, retomou en Galicia a súa vocación artística e atopou na escultura a súa forma de expresión. A súa obra céntrase en figuras humanas cargadas de emoción, en soidade ou en relación cos outros. A exposición reúne pezas seleccionadas e premiadas en certames de Madrid, Barcelona, Valdepeñas e Florencia nos últimos oito anos, que agora regresan —como a súa autora— á casa. Poderá visitarse ata o 29 de agosto.
Villares gabou o traballo do club Val de Francos, “que en tempo récord logrou situar esta cita entre as máis atractivas da provincia para os afeccionados á hípica”. Neste sentido, destacou a proxección que está a gañar este deporte e o impulso que recibe da Xunta, principalmente a través dun convenio coa Federación Hípica Galega polo que destina máis de 80.000 euros para as actividades a desenvolver este ano. A proba discorrerá por camiños forestais de terra, a excepción dos cruces de estradas, e constará de tres modalidades, con distancias de 80, 60 e 40 quilómetros respectivamente.
A clasificación final quedou do seguinte xeito: en Sub-10, Los 5 FC proclamáronse campións, seguidos de Los Balones; en Sub-12, o primeiro posto foi para Aston Birra, seguido de Minavo de Kiev e The Blues Bananas; en Sub-15, o equipo Piti levou o título, seguido de PDC e Camoca; en Sub-17, PDC acadou o primeiro posto, por diante de Papa Cu Leti e Motototo; e na categoría Sénior, Motototo resultou gañador, seguido de Descansa e Texeira Lima. As medallas foron entregadas pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros José Manuel Balseiro e Alfredo Fernández, que felicitaron a todos os participantes polo seu esforzo e deportividade.
As reservas poderán realizarse por teléfono, chamando ao 982 560 162, ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de catro entradas. Desde o Concello de Viveiro anímase á veciñanza a asistir a esta representación e lembra que as reservas se atenderán a partir da apertura do prazo.
A clasificación final situou a Braulio Gayoso (TM Luarca) como gañador, seguido de Eugenio Alonso (CD San Ciprián), e dun terceiro posto compartido por Carlos Ron (Atletic Génova TM) e Domingo Larriety (TM Luarca). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e destacou o éxito dun torneo que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival. O Concello felicita aos gañadores, a todos os participantes polo alto nivel amosado durante a xornada e ao CD San Ciprián pola excelente organización dun evento que continúa reforzando o seu papel como referente do tenis de mesa no norte peninsular.
Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa. Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.
Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.



