Lugo, 28 de xullo de 2026. A Deputación de Lugo reclama ao Partido Popular que volva ao consenso arredor da lingua galega acadado en 2004, roto coa proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización Linguística (PXNL) que a Xunta de Galicia presentou o pasado 15 de xullo.
A reclamación recóllese nunha moción presentada polo grupo provincial do BNG, aprobada no pleno provincial deste martes, no que a portavoz nacionalista Iria Castro denunciou “o paso atrás” que suporía o novo PXNL presentado polo PP.
A deputada e responsable de Cultura e Normalización Lingüística no goberno provincial lembrou que “o PP elaborou o Plan sen contar co persoal dos servizos de normalización linguística da propia Xunta ou de entidades como A Mesa e mesmo obviou propostas do seu propio grupo de expertos”.
Castro sinalou que a proposta do PP elimina o mínimo do 50% da docencia en galego, consolida a prohibición de impartir en galego materias científicas como Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química recollida no decreto do plurilinguismo do 2010 e suprime o servizo de protección que tiña o galego nos servizos públicos, relegando o galego a unha “lingua de segunda” no ensino ou na administración, entre outros ámbitos.
A portavoz nacionalista remarcou que a proposta rompe o consenso político e social co que se aprobou o Plan Xeral de Normalización Lingüística en 2004 e non dá resposta ás necesidades da lingua galega, que atravesa o peor momento histórico en canto a falantes, especialmente entre as xeracións máis novas. “É un plan inútil para o galego, que non atende as necesidades do presente nin do futuro”, concluíu.
O BNG reclama á Xunta medidas eficaces para protexer o sector apícola
O BNG tamén trasladou ao pleno provincial a preocupación do sector apícola, ameazado pola expansión da velutina e da varroa e pola chegada de mel procedente do mercado internacional exento de aranceis.
Iria Castro advertiu da caída da produción e da rendibilidade do sector que reflicten as estatísticas de 2025 -contabilizan 8.500 colmeas e 250 producións menos que en 2023 no conxunto de Galiza -e denunciou a inacción da Xunta ante unha situación que afecta un dos sectores produtivos estratéxicos para o rural lucense.
Nese sentido, constatou a falta de medidas integrais para paliar a expansión da velutina, sen control unha década despois de detectarse a súa incidencia, e de iniciativas para diferenciar o mel autóctono do producido noutros paises.
“A industria europea está a importar mel procedente de máis de 40 países a arredor de 1,8 euros o quilogramo, mentres que un apicultor galego non pode producir por menos de 5 euros, o que coloca o sector nunha situación de clara desvantaxe”, explicou.
A moción, aprobada cos votos de BNG e PSOE, reclama á Xunta reformular as medidas de control da velutina tendo en conta o coñecemento de apicultores e apicultoras e aplicando métodos contrastados noutros territorios, elaborar un estudo sobre a influencia da vespa velutina e a varroa nas explotacións apícolas e reforzar os fondos destinados ao Plan Apícola de Galicia


















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



