Imos cara ao comezo do derradeiro ano do primeiro cuarto do século XXI albiscando inequívocos sinais da fin dunha época, tanto no Estado como na Unión Europea. Agardando, ademais, con non pouca prevención, cando non medo, o que vai dar de si dende o 20 de xaneiro unha Administración Trump-Musk alicerzada nun fanatismo extremista que colonizará tamén unha eventual maioria republicana na Cámara dos Representantes e non é previsíbel que teña freo eficaz na maioría dereitista do Tribunal Supremo USA. Para o sistema político norteamericano a derradeira esperanza é a descentralización federal do Poder nos USA, no que sobrancean os Estados e poderes locais no que atinxe á política interna.
No peche do ano 2024 albiscamos un evidente pulo na Xefatura do Estado cara un meirande protagonismo político, reseteando aquilo tan borbónico de propor unha suposta política “limpa” e “patriótica”, fronte ás supostamente estériles loitas pàrtidistas. Disimulando as distancias, un pulo moi semellante ao borboneo do bisavó do Xefe do Estado, Alfonso XIII na crise política que deu cabo ao bipartisdisamo dinástico (1917.1923) e que rematou na dictadura de Primo de Rivera. Entón, como seica comeza facelo agora, o Borbón de quenda amosouse a xeito de referente do que eles chaman “Nación española” alén da loita partidista con perspectiva e ideas de seu. Velaí as recentes viaxes ao País Valencià nas que desenvolveu unha axenda de seu na que nin se consultou ás alcaldías das localidades atinxidas pola viaxe.
É verdade que o bipartidismo dinástico de 2024 semella tan esgotado en ideas, proxectos e prestixio social como o bipartidismo dinástico de 1923. Na súa ladaíña de fin de ano Núñez Feijóo amosou a súa imposibilidade para enfiar unha alternativa de centro-dereita moderada. Prisioneiro como está dende 2022 da axenda común a Voz e a Díaz Ayuso non dubidou en refugar calquera concreción de achegamento ao PNV e Junts, manifestando de xeito absolutamente estéril un desaquelado desexo de prender Puigdemont cando sabe que a aprobación sa amnistía polos Tribunais Constitucional e da Unión Europea é cousa de poucos meses. Tampouco foi quen de explicar políticas alternativas en vivenda, enerxía, pensións, educación, servizos públicos ou futuro da Unión Europea pola sinxela razón que non existen, malia contar con once gobernos autonómicos, nos que a única política común é a deterioración dos servizos públicos e as políticas a prol dos seus amiguiños. O PP enfronta un ano difícil, onde Vox reduce distancia electoral co PP mentres amosa unha potente rede internacional (terá o apoio político e económico de Trump e Musk, de Meloni, Bukele, Milei, Wilders, Orban e Le Pen) e unha moi preocupante presenza social na denominada polo profesor Miguel Anxo Bastos (USC)” “España española”, da que imos safando na Catalunya, Euskadi, Nafarroa e Galicia, mentres semella que, aos poucos, diminué nas Illes e, desgrazadamente, non se poida dicir o mesmo no País Valencià, malia que Compromìs e o valencianismo social están a ser quen de enfrontalos nesta crise post-dina. Sen propor valores democráticos propios alternativos á extrema dereita o PP é susceptíbel de ser xibarizado por Vox nesa España española. Senón ao tempo.
Pedro Sánchez remata tamén o ano cun liderado indubidábel á fronte do PSOE e cun testado relato de ser vítima da lawfare xudicial. E, sendo evidente a existencia do tal no proceso de aplicación da amnistía ou, en xeral, nas causas xudiciais abertas á súa cónxuxe, noutras causas xudiciais a persoas vencelladas ao PSOE no Goberno do Estado entre on 2020 e 2022, existen pegadas de condutas que poden ser delictivas e que teñen unha especial gravidade por se producir no tempo da excepcionalidade da pandemia, que determinou as urxencias na contratación de material sanitario e o nidio afrouxamento dos seus controis administrativos Ao tempo non se albiscan ideas-forza cara á estabilización da maioría da investidura, que haberían xirar arredor dunha axenda pactada común , moi factíbel canto á progresión dos autogobernos das nacións do Estado cara á plurinacionalidade e a respecto de políticas de afondamento democrático cara á protección e garantía dos dereitos fundamentais. Mais o PSOE e Sánchez son rápidos para pactar e moi lentos para cumprir os pactos. Nestas circunstancias non será posíbel unha moción de censura con Núñez Feijóo de candidato, mais entra dentro do posíbel unha fin moi anticipada da lexislatura se Sánchez non é quen de cumprir algo importante do que pactou, para o que aínda lle queda marxe, malia que pouca.
Na Galicia o BNG habería seguir desenvolvendo a súa axenda social, atenta aos intereses económicos do país e das súas maiorías sociais. Traballo que obriga a un interclasismo transversal non sempre doado de desenvolver como chave para o alargamento da propia base, na perspectiva das locais de 12027 e das nacionais da fin de 2027 ou primeiros de 2028. Mais esta axenda social habería ser totalmente compatíbel cunha axenda nacional, de afortalamento dos elementos e sinais de identidade e de asunción dos valores democráticos, feministas e ambientais como elementos inclusivos e non divisivos. Velaí porque os obxectivos de autonomía enerxética han ser compatíbeis cos de autonomía alimentaria, pois que compre compatibilizar o ecoloxismo coa sostibilidade da actividade económica das comunidades pesqueiras e agrogandeiras. Son tempos tamén para afondar nunha política exterior alicerzada nos obxectivos comúns de GALEUSCAT, respectando sempre os intereses propios de cada país e opoñendo a cultura política inclusiva, pacífica e democrática dos soberanismos ao supremacismo e violencia verbal da extrema dereita de Vox e o seu contexto.
Cómpre estarmos atentos, pois a este Ano XXV, xa dende as súas primeiras semanas, nas que algúns anuncian remudas importantes. Saúde, Terra e sorte. E moi feliz Ano Novo.




















En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.



