Mondoñedo-Ferrol, 29 de xaneiro de 2025. Cada 2 de febreiro, a Igrexa convídanos a poñer a nosa mirada de agradecemento en tantos homes e mulleres que consagraron a súa vida de maneira total á causa do Reino. Os consagrados e consagradas son esas persoas que descubriron unha vocación especial nas súas vidas e, seguindo a chamada do Señor, deixárono todo para vivir en pobreza, castidade e obediencia. Son así, no medio do noso mundo, un testemuño doutro modo de vida, doutros ideais. Vivindo na fraternidade das súas comunidades son fermento dunha humanidade diferente, renovada por Cristo.
Na nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol existen diversas presenzas de consagrados e consagradas en diferentes lugares e con distintas formas. Responden a distintos carismas pero a unha única misión: animar o encontro con Xesús, mostrar ao mundo a fermosura do Evanxeo e da vida que conleva. As súas vidas están dedicadas a promover á muller, a educar integralmente á infancia e a mocidade, ao coidado dos anciáns e das persoas vulnerables, á vida de adoración e de intercesión polo mundo, á atención do mundo rural, á acollida de persoas migrantes, ao coidado das persoas sen fogar, ao acompañamento de menores en diferentes situacións, á educación na fe… Son moitas tarefas, moi distintas, pero todas igualmente valiosas. Responden ás chamadas que o Espírito foi facendo como resposta a necesidades que xurdiron.
Detrás de cada presenza e iniciativa existen moitos rostros concretos de persoas que gastan a súa vida polos demais. Todas elas fan da súa existencia unha ofrenda oblativa. E fano porque o encontro co tesouro que é Cristo nunca encerra nun mesmo senón que nos abre en don para os demais.
Esta Xornada que celebramos busca descubrir, coñecer e apreciar ás persoas consagradas que
buscan configurarse con Cristo a través da súa preciosa vocación. Parécenme importantes os tres verbos. Descubrir, porque moitas veces o máis próximo a nós é o que máis descoñecemos. Pásanos como na nosa propia cidade, que só a visitamos cando vén alguén de fóra que nos desvela os tesouros que están tan preto de nós e non sabemos valorar. Coñecer, porque o que non se coñece non se valora nin se aprecia, porque o coñecemento lévanos ao amor e ao agarimo. Apreciar, porque só desde a valoración do descuberto podemos propoñer, ensinar, imitar.
Por desgraza, creo que no seo da nosa sociedade e da nosa Igrexa a vida consagrada non foi
do todo descuberta, coñecida nin valorada. Quizais, por iso, atravesa dificultades e situacións complexas que só poden ser superadas desde a perseveranza, a entrega e o testemuño. Recordo aquí as palabras do papa Benedicto: “Non vos unades aos profetas de desventurasque proclaman o final ou o absurdo da vida consagrada na Igrexa dos nosos días, máis ben revestídevos de Xesucristo e portade as armas da luz permanecendo espertos e vixiantes”. Desde logo, paga a pena unha vida que apunta e sinala cara ao infinito, cara ao amor de Dios que nos acolle.
Convídovos a que, durante estes días, vos acheguedes a algunha casa dos relixiosos e relixiosas da nosa diocese, ou a que vos acheguedes a algún deles. Preguntádelles e compartide con eles os vosos interrogantes, dúbidas, propostas… No medio da súa fraxilidade e do seu pecado, descubriredes que nos desvelan unha nova sabedoría que sempre é profética, boa noticia nun mundo contaxiado de tanto pesimismo e onde a dignidade de cada persoa non sempre é suficientemente recoñecida e valorada. Necesitamos o seu testemuño e acompañamento. Eles son, como nós, peregrinos e sembradores dunha esperanza que lles é dada. Xunto a eles, sigamos edificando a Igrexa e a sociedade que necesitamos.
O teu irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



