Foz, 6 de febreiro de 2025. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou esta tarde en Foz, nun acto marcado pola emoción e o entusiasmo, a campaña de comunicación interna A Mariña Latexa Contigo ante os municipios e aos veciños e veciñas que participaron nela.
O acto contou coa asistencia do alcalde do Concello de Foz e deputado provincial responsable da Área de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto; a presidenta da Mancomunidade, Rocío López; a vicepresidenta do ente, Ana Ermida; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Latexa contigo
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, quixo agradecer a todas as persoas que fixeron posible esta campaña, unha iniciativa coa que “puxemos a mirada cara dentro, na nosa xente”, e lembroulles “vós sodes a alma desta campaña e deste destino porque, que sería dun territorio sen persoas que o amen?”.
A boa acollida da campaña, presentada o pasado 23 de xaneiro en FITUR, reflectiuse nas máis de 550.000 visualizacións e nas máis de 11.000 interaccións que rexistraron os vídeos nas redes sociais, o que da mostra do interese xerado arredor desta proposta creativa e das testemuñas da xente.
Nesta liña, animou a todas as persoas que o desexen a aportar tamén a súa visión sobre A Mariña, sobre o turismo e sobre o seu impacto no territorio a través da enquisa que está activa na web da Mancomunidade. Trátase, tal como explicou, “de coñecer os intereses e as preocupacións da xente sobre un tema de vital importancia para a zona”.
Acceso á enquisa:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScmNYKfCLxVQSaNl9yk-zRmjx3jDVl03LuV9EN-zRnBdcNh8Q/viewform
A Mariña Latexa Contigo é unha campaña coa que se pretende involucrar activamente á poboación local na promoción e na posta en valor do territorio, desde o orgullo, o coidado e a defensa dos seus valores naturais, patrimoniais e etnográficos, entre outros. Trátase dunha campaña diferente, que nos achega á Mariña desde a mirada única e emocionante da xente que coñece e que vive o lugar.
A campaña está composta dun audiovisual principal que recolle os testemuños dos veciños, veciñas, alcaldes e alcaldesas dos 16 concellos da Mariña. Desde unha visión moi persoal achégannos aos seus municipios, ao seu territorio, describindo os recursos e experiencias que consideran máis salientables e conformando así unha composición dun destino chea de agarimo e autenticidade.Trátase de poñer o foco nas persoas e de darlle á xente da Mariña o protagonismo que merece, porque elas son o corazón e o latido dun territorio. Campaña: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-latexa-contigo
Distincións SICTED
No decurso do acto, que tivo lugar no salón de actos do IES de Foz, fíxose tamén entrega das distincións aos establecementos e servizos que se distinguiron este último ano ao abeiro do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Mariña (SICTED). A Mancomunidade impulsa este sistema co obxectivo de establecer un programa de boas prácticas para mellorar a calidade turística do destino e a colaboración público – privada.
Este ano entregáronse distincións a 13 entidades, o que fai xa un total de 42 puntos da Mariña que contan coa certificación SICTED. No decurso da entrega, a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, felicitou aos establecementos “polos seus esforzos para prestar un servizo de calidade, orientado á satisfacción de clientes e visitantes, que aporta valor ao destino e que contribúe a crear un territorio de calidade turística”.
As empresas distinguidas foron:
1. Aloxamento Casal de Pelaio (Barreiros)
2. Aloxamento Finca O Bizarro (Trabada)
3. Hotel O Cabazo (Ribadeo)
4. Hotel Rías Altas (Barreiros)
5. Taberna Galiana (Mondoñedo)
6. Artesanía do Pasatempo (Mondoñedo)
7. Esquina Atlántica (Mondoñedo)
8. Guía tu día
9. La Guiateca Visitas Guiadas
10. Rutas Guiadas Galicia Norte
11. Bicips.com
12. Centro de Interpretación da Faba (Lourenzá)
13. Oficina municipal de turismo de Lourenzá
Plan de Sostibilidade
Estas dúas actuacións –a implantación do SICTED no destino e a campaña presentada– forman parte das accións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola propia Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo – , a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, co obxectivo de impulsar e consolidar un turismo máis sostible, responsable e de calidade.



























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



