Alfoz, 26 de abril, 2025. O vindeiro domingo 11 de maio de 2025, o Pavillón de Alfoz acollerá a celebración do II Día da Veciñanza de Alfoz, unha xornada de encontro e convivencia organizada polas Asociacións Parroquiais de Alfoz e a Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, coa colaboración do Concello de Alfoz.
A progradiación comezará ás 13:00 h coa sesión vermú e continuará coa comida ás 14:00 h, todo ambientado coa música en directo do Grupo La Tremenda. O menú incluirá cecina, xamón, chourizo, queixo, empanada, codillo, sobremesa (milfollas e tarta xeada), café e viño.
Ao longo do día, haberá momentos de diversión para os máis pequenos e tamén sorteos para o resto da veciñanza, para que ninguén quede sen desfrutar dunha xornada festiva pensada para todas as idades.
Os prezos para participar son os seguintes:
Adultos: 25 €
Nenos/as de 5 a 9 anos: 13 €
Ata 4 anos: gratuíto
As persoas interesadas deberán anotarse antes do luns 5 de maio, a través dos contactos indicados no cartel.
Desde a organización anímase a toda a veciñanza a participar nesta celebración, pensada como unha oportunidade para compartir momentos e reforzar os lazos que o día a día, co seu ritmo acelerado, non sempre permite. Na pasada edición tiveron lugar emotivos reencontros entre xeracións que compartiron pupitres no colexio, veciños e veciñas de infancia, e moitas familias que puideron gozar da compaña dos seus veciños e veciñas de toda a vida.
Unha festa para compartir, lembrar e seguir facendo comunidade en Alfoz.