Ribadeo, 12 de abril de 2025. Música, teatro, presentacións de libros, exposicións, proxeccións e unha nova edición de Letras no Campo son as propostas culturais de Ribadeo para o segundo trimestre do ano. A axenda foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.
A edil ribadense dixo: “comezamos a presentación desta axenda cultural pola música. A EMMeD de Ribadeo continuará neste trimestre co seu ciclo de audicións das diferentes disciplinas que se imparten. Estas exhibicións fanse coa afán de difundir a actividade da escola, de espertar interese nun futuro alumnado e achegar as distintas disciplinas ao público xeral”.
Sanjurjo seguiu a relatar: “a música ten ademais outras propostas ben diferentes. Esta mesma fin de semana, hoxe, unha que inclúe a Beetle Judge e The Ninetines, que forma parte do xa afianzado ciclo do Galiñeiro, que a AC Catro Caños organiza vinculado ao Vendaval Fest. E por outra banda, teremos un concerto lírico Casta Diva, o día 3 de maio. A música sacra ten o seu espazo nos concertos que a Banda Municipal de Música de Ribadeo e a Coral Polifónica ofrecen na Semana Santa. A música e o baile tradicionais protagonizan unha nova edición do festival infantil da asociación Amigos da Gaita. Tamén se fai unha incursión no xénero operístico cun traballo conxunto entre a asociación Bal y Gay e o Coro do Sagrado Corazón, que ofrecerán a montaxe A operiña. A celebración das Letras Galegas trae o tradicional concerto da nosa Banda Municipal e tamén o de Felisa e Montse, ex compoñentes Leilía, co título de Axudádeme a cantar, vinculado ás cantareiras, que este ano son as homenaxeadas”.
A concelleira de Cultura explicou que “en maio chegamos tamén á XI edición de Letras no Campo, a nosa feira do libro. Faremos unha presentación particular cando chegue o momento, mais xa vos avanzamos que a poeta Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020, será a encargada de ler o pregón. Fóra do programa de Letras no Campo, as presentacións de libros van ter moito protagonismo neste trimestre. Da man do Concello poderemos coñecer a obra por ex. do televisivo home do tempo Martín Barreiro e tamén de Diego Riera. Pola súa banda, a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza a presentación de obra de Lois Pérez, Francisco García Novio, Xosé Salvadores e José María Leal, a parte de programar unha viaxe cultural pola Ribeira Sacra en xuño”.
Begoña Sanjurjo contou que “temos tamén actividades que se saen un pouco do habitual: o torneo de puzzles Puzzleo, tamén un mercado de roupa pop up organizado pola asociación As Catro Patas do Banco, organizadores tamén do Xara Fest, un concerto en Cabanela a cargo desta mesma entidade e unha exposición de debuxos do alumnado do proxecto Éxito Escolar, desenvolvido pola Cruz Vermella”.
A programación cultural de Ribadeo para este trimestre tamén inclúe teatro: “o teatro para público adulto trae xa este domingo ás 20.30 horas á compañía Verdeveras Expresións Artísticas con As formas do amor e no mes de maio tres dos mellores contadores galegos (Guti, Celso Sanmartín e Quico Cadaval) protagonizan a función Tres vellas na romaría. En Rinlo, o Centro Dramático Galego representará Historia dun naufraxio. O público máis cativo tivo o domingo pasado un espectáculo de danza con Caramuxo Teatro. Quedan por diante o contacontos de Miguel Guido, O lobo feliz, e a peza de Vero Rilo, Pelica de burro”.
A edil tamén se referiu ás proxeccións: “canto á produción audiovisual, As Neves, a exitosa película de Sonia Méndez será proxectada no ciclo O Concello cos Coles e a agrupación cultural Francisco Lanza e a asociación Vacas Fracas organizan a proxección, cunha charla coloquio despois, do documental Se canto é porque quero, dirixida pola ribadense Alba López Álvarez e por Damián Varela Pastrana. Trátase dun traballo producido pola Real Academia Galega coas cantareiras tradicionais como protagonistas. E finalizamos co teatro afeccionado. O Concello segue o seu ciclo Seráns de Teatro, no que leva funcións ás parroquias. Desta vez os protagonistas son os grupos A Adala e Pico do Castro. A maiores recibiremos no Teatro a visita do grupo de Viveiro 57 Palabras”.
Sanjurjo engadiu: “para rematar, convidamos a todo o mundo a formar parte das novas edicións do Ribadeo de Tapeo, dos Cantos de Taberna, Ribadeo Ilustrado, da Romaxe das Cruces de Arante e tamén da programación que polo Día do Orgullo LGTB+ organizará a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo. Tamén vos convidamos a gozar das diferentes exposicións. Vémonos todos nos espazos culturais”.




















O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros. Ademais, a área de Rural dá apoio organizativo e loxístico á Gran Feira Tradicional de Gando e achega á Mondoñedo a exposición fotográfica "Gardiáns" de Jorge Arévalo, que mostra o traballo en ganderías de razas autóctonas e a pegada dos animais na cultura galega desde o punto de vista documental e creativo. A exposición poderá verse no Pazo de San Tomé ata o 15 de novembro.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.



