Foz, 23 de maio de 2025. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este pasado martes unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño. Na xuntanza, solicitada polo Concello de Foz, participaron tamén a concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade de Foz, Katherina Navarro, o xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e outros cargos da consellería. O Concello de Foz requiriu esta reunión ante a ausencia de avances na ampliación do centro de saúde de Foz desde o 29 de outubro do ano 2021, cando o presidente da Xunta naquel momento, Alberto Núñez Feijóo, anunciou as obras dentro do denominado Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.
Fran Cajoto explica: “teño que agradecer ao conselleiro que nos recibira e o bo trato. Esperabamos este martes poder ver os planos da ampliación do centro de saúde, pero indicáronnos que o proxecto construtivo aínda non estaba redactado. A ampliación prevese nos terreos situados entre o colexio do Cantel e o centro de saúde -cualificados no PXOM como dotacional sanitario-. O compromiso adquirido pola Consellería é que técnicos autonómicos vanse poñer en contacto cos técnicos municipais para poder analizar a idoneidade dos terreos, a súa edificabilidade e asinar un protocolo entre ambas administracións que permita a expropiación das parcelas por parte do Concello. O día 13 de xuño, venres, técnicos do Concello de Foz e do Sergas farán unha visita conxunta ás parcelas nas que está previsto situar a ampliación do centro de saúde”.
O alcalde de Foz engade: “cremos necesario que o proxecto solvente tamén as eivas que ten o centro de saúde actual e que puidemos comprobar con persoal do centro. Estamos a falar de melloras na conservación da cuberta, accesibilidade nas saídas de emerxencia, novo ascensor con capacidade suficiente para elevar unha camilla, recuperación dun espazo axeitado para vestiarios ou un xerador eléctrico que responda ante unha falta de subministro. Ao novo espazo anunciado para as ambulancias e persoal do 061 e a nova consulta de pediatría solicitámoslle que se sumen catro novas, para que os médicos do centro non se vexan obrigados a compartir espazos”.
Estacionamento
O rexedor municipal de Foz solicitoulle ao conselleiro que inclúa no proxecto un estacionamento axeitado, con espazo para o persoal e para os usuarios do centro de saúde: “o Concello vai ter que facer un esforzo moi importante adquirindo os terreos e queremos que sexa un proxecto funcional, que dea un servizo de calidade ás veciñas e veciños. Facer un estacionamento definitivo no centro, que veña a suplir o leira-parking que hai nas inmediacións, debe ser unha prioridade”.
Melloras no servizo
O alcalde de Foz tamén lle comentou ao conselleiro a necesidade de contar con matrona propia no centro, así como incorporar un nutricionista adscrito a Foz. En calquera caso “a demanda máis repetida polos médicos do centro de saúde de Foz é contar cunha ambulancia en Foz 24 horas, que permita dar un servizo asistencial durante todo o día. Cando menos o servizo debería comezar ás 8 da mañá, para adecuarse aos horarios do persoal sanitario e aproveitar os recursos. O xerente da área comprometeuse a ver este punto, fundamental para o traballo dos facultativos de Foz”, indica Fran Cajoto.
O tramo final da conversa versou sobre o Hospital da Mariña e a falta de especialistas, sobre o cal o conselleiro indicou que están traballando.