Ribadeo, 19 de maio de 2025. A tapa de El Oviedo (Lura en salsa) é a gañadora do Ribadeo de Tapeo 2025. Así o decidiu o xurado profesional. O 2º premio é para a proposta do Kalpa Amodiño (Chaat-Eo de millo) e o 3º para a tapa do Ramonita (Salmón marinado á laranxa con pementos e tapioca).
No caso da tapa doce o xurado profesional comunicou que a gañadora é tamén a do Kalpa Amodiño (Re-poso de café).
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Marta Saiz, agradece “a participación e a implicación dos 21 establecementos que se deron cita no XVIII Ribadeo de Tapeo, que tivo lugar do 10 ao 18 de maio”.
Queda pendente por coñecerse a decisión do público que votou nos cartóns habilitados para este fin ou a través da app do Ribadeo de Tapeo: “a súa decisión coñecerémola dentro duns días, así como a data de entrega dos premios aos gañadores, a ese público que probou polo menos 5 tapas nalgunha das tres zonas establecidas no Ribadeo de Tapeo 2025, e co seu voto participou na elección da mellor tapa”, engadiu Marta Saiz.