A agrupación socialista responde ás declaracións do Alcalde e reivindica o seu papel como alternativa seria e útil para Xove, fronte a un modelo de goberno esgotado, sen proxecto e afastado das necesidades da veciñanza
Xove, 19 de Maio de 2025. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Xove manifesta o seu rexeitamento ás recentes declaracións do Alcalde, nas que desacredita o traballo da agrupación municipal socialista con comentarios despectivos, en lugar de ofrecer explicacións claras sobre cuestións de fondo que afectan ao municipio. “A nosa labor como oposición non é calar nin aplaudir, senón sinalar o que non funciona e propoñer alternativas”, aseguran dende a formación.
Desde o PSdeG-PSOE de Xove insisten en que o seu papel está centrado en esixir unha xestión económica responsable e transparente, así como en denunciar a falta de avances en áreas prioritarias como as infraestruturas, o saneamento ou os servizos públicos.
Lembran que Xove leva máis de catro décadas gobernado polo Partido Popular, nun contexto de ingresos moi superiores aos doutros concellos da comarca, “sen que ese nivel de recursos se vise reflectido nunha mellora real da calidade de vida da veciñanza”, engaden os socialistas.
Ausencia de servizos esenciais e promesas incumpridas
Desde o PSdeG-PSOE de Xove lembran que o municipio continúa sen dispor de infraestruturas básicas, malia contar historicamente cun nivel de ingresos elevado. Non existe pavillón deportivo, e as actividades desenvólvense nun espazo inicialmente concibido como praza de abastos. Tampouco hai auditorio municipal, o que obriga a celebrar actos culturais nun salón de actos que non reúne as condicións mínimas.
En materia de saneamento, só a parroquia da Rigueira conta con rede, grazas á urbanización privada de Palmeiro. O resto do municipio carece deste servizo esencial, situación que provoca vertidos de fosas sépticas e industriais que afectan directamente ao medio ambiente e ás praias, ocasionando incluso a perda de bandeiras azuis.
A formación socialista lembra tamén que Xove foi un concello pioneiro ao contar cunha das primeiras piscinas climatizadas de Galicia e a primeira da Mariña. Con todo, denuncian que desde entón non se promoveu ningún equipamento salientable. Pola contra, acumuláronse promesas incumpridas como a dos pantaláns de Morás, anunciados durante máis de trinta anos sen que se colocase sequera a primeira pedra. Pasados dous anos da actual lexislatura, a obra segue sen comezar, e desde o PSdeG-PSOE temen que volverá empregarse como reclamo electoral, como en anteriores campañas.
Deriva económica do Concello e falta de transparencia
O PSdeG-PSOE de Xove advirte da deriva económica do Concello e dunha xestión baseada na improvisación. “Temos orzamentos irreais, dependentes de ingresos extraordinarios que poden desaparecer en calquera momento”, advirten, en referencia aos fondos vinculados a Alcoa.
Critican que os orzamentos municipais repitan previsións pouco realistas, baseadas en ingresos extraordinarios, como os procedentes de Alcoa, que non están garantidos no tempo. Ademais, denuncian que, malia o gasto de máis de 9 millóns de euros do remanente nos dous últimos exercicios, non se percibe unha mellora significativa nos servizos públicos nin avances reais en proxectos estratéxicos para o municipio.
A formación considera que este modelo responde a unha estratexia centrada en manter a maioría absoluta a calquera prezo, “sen planificación, sen rendición de contas e sen visión de futuro”.
Compromiso firme co futuro de Xove
Desde o PSdeG-PSOE de Xove reafirman o seu compromiso cun modelo de Concello orientado ao benestar da cidadanía, baseado na igualdade de acceso aos servizos, na transparencia e na boa xestión dos recursos públicos. Subliñan que a súa candidatura naceu coa vontade de ofrecer unha alternativa seria e útil fronte a un goberno esgotado, sen proxecto claro e sen resultados visibles tras anos de maioría absoluta.
A formación socialista advirte de que a dependencia dos ingresos extraordinarios de Alcoa pon en risco a sustentabilidade financeira do Concello a medio prazo, e que, de non mudar a estratexia, Xove continuará sen equipamentos fundamentais, con infraestruturas deterioradas e sen avances en cuestións clave como o saneamento ou a atención ás persoas maiores.
“Quedan dous anos para as próximas eleccións municipais, e desde o PSdeG-PSOE de Xove imos aproveitar cada día para facer oposición con rigor, propoñer solucións reais e loitar por un Xove que avance, que coide á súa veciñanza e que se poña en marcha de verdade”, conclúen.



























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



