Burela, 27 de maio de 2025. A Xunta de Galicia colabora con Futbolinlugo na terceira edición do Campus Mixto “Burela Bonita”, que se desenvolverá entre os días 13 e 18 de xullo. A presentación da iniciativa tivo lugar hoxe na localidade nun acto no que participou o xefe do Servizo de Deportes da Delegación Territorial de Lugo, Manuel Otero.
O campus está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos e terá lugar nos campos de fútbol da Marosa. Estase a consolidar como un referente na oferta deportiva da comarca; o pasado ano participaron arredor de 90 rapaces e rapazas e nesta edición xa superou esa cifra cando aínda continúa aberto o prazo de inscrición.
A Xunta apoia a programación que organiza Futbolinlugo na provincia para promover o fútbol base. Así, tamén colabora coas xornadas de tecnificación convocadas este ano en Lugo, A Pastoriza, Guntín e Castro de Rei, e na quinta edición do All Star que se celebrará o 28 de xuño como broche á tempada.