Burela, 12 maio de 2025. Tras a xuntanza mantida o venres 09 de maio, Xunta de Persoal recoñece o “bo talante” do conselleiro ao reunirse con eles nunha xuntanza chea de “declaracións de boas intencións” pero sen nada sobre a mesa que “solucione o conflito”.
A xuntanza durou case hora e media, nun ambiente de escoita pero tamén de crispación ao tentar dende a Consellería evitar fotos que non fosen sacadas polo seu gabinete de prensa.
Tamén tentaron censurar na entrada ao salón os carteis que finalmente foron empregados pola Xunta de Persoal para ir explicando as carencias e consecuencias da actual situación de emerxencia da sanidade pública da Mariña tanto en Atención Primaria como Atención Hospitalaria: falta de persoal, longas listas de agarda, derivacións ao HULA e hospitais privados de Lugo.
Dende a Consellería alegaban falta de persoal médico e tamén de enfermería, e a Xunta de Persoal replicoulle que o persoal marchou polas condicións de traballo que non permiten atender ben aos pacientes e tamén pola inestabilidade laboral con contratos “lixo”.
Contra un discurso da Consellería negacionista e sen solucións reais, preguntaron á Consellería os motivos de ter tamén infradotadas outras categorías profesionais, onde existen profesionais no paro.
Puxeron riba da mesa casos concretos como un servizo de partos sen dotación de Técnicas Auxiliares de Enfermaría nas quendas de tarde e noite, existindo dispoñibilidade nas listas de contratación e cando noutros hospitais si teñen dotación.
Tamén preguntaron a falta de creación de prazas de Técnicos/as de Farmacia, sometidas a unha situación de distrés continuo cando existen profesionais nas listas de contratación.
Esixiron dotar de máis persoal de fisioterapia aos Centros de Saúde como os de Foz e Ribadeo, tamén ao Centro de Saúde de Burela único concello que non presta ese servizo a súa veciñanza, cando tamén existen profesionais nas listas de contratación.
A resposta da Consellería foi o silencio
“A día de hoxe, non hai ningunha solución concreta e inmediata riba da mesa”, afea o Presidente da Xunta de Persoal.
Ademais, o desprazamento de profesionais dende outros hospitais non deixan de ser “parches” que mitigan pero non resolven a situación.
A Xunta de Persoal do Distrito Sanitario da Mariña está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos sanitarios de calidade na nosa comarca”.
E anuncian que están fartas e fartos de recortes nos servizos sanitarios e do benestar social da poboación por parte da Consellería de Sanidade”.
Por todo iso, a Xunta de Persoal confirma que continuarán as protestas diarias na porta do hospital.