O contrato prevé a limpeza dunha superficie de 23.393 metros cadrados e a prestación do servizo por un período inicial de 36 meses
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025. A Xunta publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe de 7.426.808 euros e un período inicial de 36 meses, do servizo de limpeza, desinfección e xestión de residuos de todos os locais e instalacións interiores e exteriores do Hospital Público da Mariña, en Burela.
A superficie total que se debe limpar ao abeiro deste contrato é de 23.393 metros cadrados. Atendendo ao risco de infección en función do traballo que se realiza en cada área e que pode repercutir no paciente, 7.211 m2 son de risco baixo, máis de 9.000 de risco medio e 2.700 de risco alto. Outros preto de 4.500 m2 ata completar a cifra total corresponden a terrazas, parking e outras instalacións.
Dado o servizo público de asistencia sanitaria que se presta, cómpre que as instalacións se atopen permanentemente en condicións óptimas de limpeza, de acordo coa guía de procedementos de limpeza no medio hospitalario do Servizo Galego de Saúde, e que se cumpran as recomendacións para a bioseguridade, limpeza e hixiene ambiental incluídas no Plan Nacional de Resistencia Antibiótica e na instrución xeral de procedementos de limpeza no Hospital Público da Mariña elaborado polo Servizo de Medicina Preventiva.
O contrato inclúe a limpeza e/ou desinfección de todas as dependencias interiores e exteriores, así como de todo o mobiliario e aparellos ou equipamento.
Tamén recolle a xestión de todos os residuos que se produzan no hospital ata a súa entrega ao xestor correspondente para o seu tratamento, que abrangue a recollida, o traslado, a pesada dos residuos que se lles indique e acomodo nos almacéns finais habilitados conforme ao Plan de xestión de residuos sanitarios do hospital.
Inclúese no contrato, ademais, a recollida e traslado de roupa sucia, así como daqueles artigos que poidan ser obxecto de lavado e desinfección desde os almacéns das unidades e servizos ou desde calquera outra zona que se determine.
Xunto ao anterior, a empresa que resulte adxudicataria tamén se deberá encargar da realización da limpeza de instalacións, patios, azoteas, terrazas, cubertas, zonas axardinadas e zonas asimiladas; a limpeza das zonas exteriores e do aparcadoiro exterior de dúas plantas; e a limpeza da contorna máis próxima ao edificio (entrada principal, entrada de urxencias e entrada de rehabilitación e outras portas de acceso).
Outras tarefas previstas no contrato son a limpeza da parcela do campo exterior, incluíndo a roza da maleza, a elaboración diaria das camas de persoal, o mantemento, limpeza e desinfección das alfombras exteriores, a limpeza do servizo de cociña e os alicatados, paredes, portas, cristais e limpeza do chan.
O número total de horas anuais efectivas de mañá, tarde e noite para a prestación do servizo establécese en 81.854, tendo en conta as quendas correspondentes.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 16 de xuño para presentar as súas ofertas.