A Casa da Cultura acolle o encontro ‘Saúde en Marcha’ da Estratexia de Saúde do Concello
Burela, 26 de maio de 2025. As Festas de Burela continúan enchendo de vida e actividade o municipio. Esta tarde, a partir das 19:00 horas, terá lugar a xornada ‘Saúde en Marcha’, un encontro aberto á cidadanía da Estratexia de Saúde do Concello de Burela, que terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura.
A actividade chega despois dunha xornada de domingo dedicada á cativada. Onte, domingo 25 de maio, celebrouse o Día Infantil, cunha festa de inchábeis na Praza da Mariña e unha actuación musical a cargo da agrupación ‘La Penúltima Sabinera. El Tributo’.
As Festas de Burela continúan durante os próximos días cunha programación variada e pensada para todas as idades. O martes 27 será a xornada de ‘Música na Rúa’, con diferentes actuacións musicais en varios lugares da vila, dende batucadas ata agrupacións corais e tradicionais. A música continuará o mércores 28 co karaoke infantil e xuvenil, seguido o xoves 29 polo karaoke sénior, cunha retransmisión en streaming para achegar o evento a todos os públicos.
O venres 30 celebrarase o ‘Venres das Festas’, con atraccións no recinto feiral e unha verbena nocturna con Fórmula e Cinema. O sábado 31 será a xornada da ‘Alfombra Floral’, acompañada do pasarrúas a cargo da Agrupación musical Acotaga de Ferrol, unha sesión vermú coa orquesta Ritmo Joven, misa cantada pola Coral Polifónica de Burela coa Procesión Nocturna de baixada das imaxes da Virxe do Carme e San Xoán Bautista e unha verbena nocturna coas orquestas Ritmo Joven e América.
O domingo 1 de xuño a programación comezará cun pasarrúas a cargo da agrupación musical Santo Inocencio de Burela e da banda da OJE Nosa Señora do Nordés de Ferrol.
Ás 12:00 horas celebrarase a misa de campaña cantada polo Coro Polifónico de Burela na Praza do Porto. A continuación terá lugar a solemne Procesión Marítima, coa imaxe da Virxe do Carme embarcada e acompañada pola frota do porto. Xa pola tarde, haberá dúas sesións de verbena popular, unha ás 14:00 horas co grupo Solara e outra ás 23:00 horas coas orquestras Solara e Combo Dominicano, que pecharán o domingo con música e baile para todos.
As celebracións rematarán co ‘Luns das Festas’, con máis música e procesións, e a ‘Ofrenda Floral’ o martes 3, nun acto emotivo en lembranza das persoas falecidas no mar.