Lugo, 9 de maio de 2025.- A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, recibiu hoxe a José Guillermo Brao Viñas e José Ramón Fernández López con motivo da súa toma de posesión como novos xefes das comisarías de Viveiro e Monforte, respectivamente.
Isabel Rodríguez apuntou as súas dilatadas traxectorias e destacou a importancia do compromiso constante coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para protexer, desde a proximidade, os dereitos e liberdades da cidadanía.
José Guillermo Brao Viñas é Graduado en Dereito e conta con 34 anos de experiencia en diferentes postos de traballo. Ten coñecementos en estranxeiría, na área de policía xudicial e de xestión.
As súas últimas responsabilidades foron como Xefe de Oficina Única de Estranxeiros na Subdelegación do Goberno en Lugo; así como Coordinador de Servizos, Xefe de Brigada de Policía Xudicial e Secretario Xeral da Comisaría de Lugo ata a súa toma de posesión como Xefe da Comisaría de Viveiro.
Así mesmo, José Ramón Fernández López é Licenciado en Dereito e tamén Diplomado en Ciencias Policiais. Ingresou en 2003 na Escala Executiva da Policía Nacional e pasou pola Xefatura Superior de Baleares; a Escola Nacional de Policía; a Comisaría Provincial de Lugo, como xefe do Grupo Operativo da Brigada Provincial de Información; e a Policía Autonómica de Galicia, como xefe de Grupo Operativo.
Xa como Inspector Xefe, foi xefe da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial de Ourense, entre 2020 e 2021; e xefe da Brigada Provincial de Información da Comisaría Provincial de Lugo desde 2021 ata a súa toma de posesión como Xefe da Comisaria de Monforte de Lemos.