Lembrou que a Deputación aínda non abonou o millón de euros prometido por José Tomé para o Concello de Viveiro antes da moción de censura do 7 de marzo
Viveiro, 26 de maio de 2025. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, mantivo esta mañá en Lugo un encontro con Pablo Rivera Capón, deputado provincial de Promoción Económica e Social. Nela insistiu na vontade do Concello de Viveiro de manter os convenios xa iniciados entre as dúas institucións e, tamén, de abrir novas vías de colaboración en función das necesidades que o equipo de goberno municipal vaia detectando.
Na xuntanza, Mariña Gueimunde agradeceu a colaboración da Deputación en asuntos como o arranxo da Rúa do Porto ou da Xunqueira. Tamén incidiu noutros temas nos que demandou máis apoio por parte da institución provincial, como o do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, no que, segundo explicou a rexedora, «a partida dos Orzamentos 2025 é de 15.000 euros». «Eu creo que o presidente debería retomar a cuestión e ampliar a contía, porque na provincia existen tres conservatorios de carácter comarcal, polo que a inversión, no caso do de Viveiro, non só reverte nos veciños do Concello, senón tamén nos de toda a comarca. E hai que ter en conta que o Conservatorio de Viveiro conta con 240 alumnos, catro veces máis que os de Vilalba e Monforte de Lemos», manifestou a alcaldesa.
Estradas
Mariña Gueimunde tamén demandou na xuntanza con Rivera Capón que as estradas do Concello de Viveiro se manteñan en bo estado; que se leven a cabo as reparacións e procedementos de limpeza necesarios para despois proceder a rozar. «Incidín sobre todo nas de Vieiro, Galdo e Covas, porque son as que máis tráfico soportan», explicou. Acerca da solicitude de redutores de velocidade para a de Galdo, a alcaldesa propuxo que se recupere a posibilidade de proceder á súa colocación.
Outro dos temas que Mariña Gueimunde puxo sobre a mesa fai referencia a temas deportivos. «Para nós sería moi importante asinar convenios nesta materia. Estamos moi preocupados, por exemplo, polo estado un pouco vergoñento de Cantarrana, e máis porque imos poñerlle o nome dun futbolista de renome no noso Concello como é Kiko Rey».
O millón de euros pendente
Durante o encontro mantido esta mañá, Mariña Gueimunde lembroulle a Pablo Rivera que José Tomé, presidente da Deputación, prometera destinar un millón de euros para Viveiro antes da moción de censura do 7 de marzo. Pero, case tres meses máis tarde, non hai novas da inversión. A alcaldesa comunicou que «seguiremos insistindo nela, porque non estamos en disposición de perder eses cartos debido á delicada situación que atravesa o Concello».
Logo da xuntanza, Rivera Capón informoulle a Mariña Gueimunde que algúns dos temas que se puxeran enriba da mesa, como por exemplo o convenio para o co pago do Belén vivinte que se coloca no Nadal na Igrexa de Santa María, deberían ser tratados directamente con José Tomé. «Estou moi agradecida a que me recibira o deputado provincial de Promoción Económica e Social. Deixoume claro que algúns dos temas debería tratalos directamente co presidente da Deputación e, polo tanto, seguiremos reclamando esa cita porque é el quen decide. Como conclusión, pretendemos continuar na liña de respecto institucional, porque eu represento á veciñanza de Viveiro e teño que reclamar o que lle veña ben e sexa necesario para os viveirenses», argumentou a alcaldesa de Viveiro.