Burela, 31 de maio, 2025. O Concello de Burela quere trasladar as súas máis sentidas condolencias á familia da persoa falecida tras o accidente múltiple ocorrido na xornada de onte. Acompañámolas nesta dor tan profunda, e agradecemos a súa xenerosidade e comprensión nun momento especialmente delicado.
Así mesmo, “expresamos o noso apoio a todas as persoas afectadas e ás súas familias, reiterando que seguimos a sua enteira disposición como o primeiro momento”.
Tras unha nova reunión celebrada esta mañá, na que se convocou novamente ao equipo de goberno, representantes da comisión organizadora e voceiros dos grupos municipais, decidiuse continuar coa programación prevista das Festas Patronais, incorporando medidas de respecto institucional.
A decisión adoptouse escoitando múltiples opinións e tendo en conta a complexidade do momento, procurando un equilibrio entre o respecto debido e a continuidade dunha programación cultural e social que implica a moitas persoas da vila.
Como mostra de dor e respecto:
As bandeiras dos edificios municipais ondearán a media asta desde hoxe sábado 31 de maio ata as 23:59h do luns 2 de xuño.
Gardarase un minuto de silencio antes de cada acto oficial a celebrar na xornada do sábado 31 de maio.
A comisión organizadora das festas acordou a eliminación da pirotecnia prevista no programa.
O Concello de Burela reitera o seu compromiso institucional de actuar sempre con responsabilidade, respecto e unidade.