Inclúe pilates, ioga e unha actividade de forza bautizada como corpo activo
Cervo, 28 de maio de 2025. O Concello de Cervo pon en marcha a iniciativa Actívate en Xuño, ofrecendo durante todo este mes actividades de balde, abertas a toda a poboación, tanto en Cervo como en San Cibrao.
Tal e como explicou a rexedora, Dolores García Caramés, que presentou o programa acompañada das monitoras Belinda Canoura, e Nuria Torrado, “trátase dunhas xornadas de portas abertas para achegar a toda a poboación as nosas escolas deportivas municipais que clausuramos neste mes de maio, e que rexistraron ademais unha participación de récord, nas diferentes actividades”. Unha proposta que dá continuidade, pois, ás actividades desenvolvidas ao longo de todo o curso e que pretende achegar estas disciplinas a novos públicos, fomentando así os hábitos de vida saudable e o exercicio físico en todas as idades.
O programa de actividades para este mes de xuño contempla Ioga en Cervo, e tamén en San Cibrao, onde tamén se impartirán pilates e corpo activo.
As persoas interesadas en asistir ás actividades, que arrincarán o próximo luns, 2 de xuño tan só teñen que presentarse ao inicio de cada sesión, ou ben na Casa do Mar ou no Edificio dos Xulgados, segundo corresponda; tendo en conta o calendario que se adxunta.
A rexedora puxo de manifesto que con esta proposta queremos convidar a toda a veciñanza a participar, probar as actividades e coñecer de preto o funcionamento das escolas deportivas. A resposta durante este curso foi extraordinaria, e agora “queremos seguir sumando xente e creando comunidade a través do deporte”, sentenciou.