Lourenzá, 30 de maio de 2025. En relación ao anuncio de folga por parte das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o equipo de goberno do Concello de Lourenzá está a traballar para elaborar o plan de pagos dos atrasos correspondentes aos anos 2022 e 2023 que están pendentes de abonarlles aos empregados municipais.
“O Concello sempre tivo boa vontade. Sempre defendemos o dereito dos traballadores a percibir ditos atrasos motivados polas diferenzas entre os salarios que estaban a cobrar e os resultantes da Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada no ano 2022. Proba desa boa vontade é que o ano pasado xa se procedeu ao pago de todos os atrasos correspondentes ao ano 2024 e actualmente, no 2025, todos os traballadores están percibindo o 100% do salario que lles corresponde segundo a Relación de Postos de Traballo. Dende o ano 2022 ata hoxe o Concello cumpriu parte do seu compromiso con respecto ao ano 2024 e 2025 e actualmente só están pendentes de pagar os atrasos do ano 2023 e de parte do 2022. Por parte do Concello a intención é clara, sempre escoitamos a todos/as traballadores/as e na medida do posible sempre se intentou dar solución ás súas demandas. E neste caso tamén porque estamos a traballar na elaboración dese plan de pagos, que entregaremos como data límite o 31 de decembro deste ano a tod@s os traballadores/as municipais e onde estarán establecidos os prazos nos que se espera que se fagan efectivos ditos atrasos”, explica o goberno municipal.
“Lamentamos, unha vez máis, a pésima actitude do Partido Popular, que sempre aproveita cada ocasión para crear polémica e sacar a parte negativa das cousas. Mentres uns traballamos e nos reunimos coas traballadoras encarando os problemas para intentar entre tod@s avanzar e buscar solucións, outros, como os concelleiros do PP, simplemente utilizan a situación para confrontar. Recordámoslles que foi este goberno do Partido Socialista o que elaborou e aprobou a Relación de Postos de Traballo no ano 2022, o que supuxo a actualización e a mellora das condicións e dos salarios do persoal municipal, e non un goberno do Partido Popular. Pero xa non sorprende porque é a súa liña habitual, a que están acostumados a seguir, sempre sacando a parte negativa das cousas e non aportando nunca nada positivo; a política da foto e da propaganda. Pero non se alegren pola folga antes de tempo, señores concelleiros do PP, porque, mal que lles pese, agardamos entre todos, Concello e traballadores, non ter que chegar a esa situación. Non aplaudan antes de tempo, non o dean por feito”.