Xove, 20 de maio, 2025. O Concello de Xove vén de colaborar co CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán nun proxecto educativo relacionado coas festas tradicionais, que titularon “De festa en festa porque me presta”. Cada curso elixiu unha festa tradicional da contorna, na cal traballaron ao longo de todo o ano escolar 2024/25. As festas tradicionais elixidas foron:
4⁰ EI: San Antonio (A Rigueira).
5⁰ EI: Maruxaina (San Ciprián).
6⁰ EI: Queimada popular (Cervo).
1⁰ EP: San Xoán.
2⁰ EP: Feira do bonito (Burela).
3⁰ EP: San Lucas (Mondoñedo).
4⁰ EP (A-B): Festa do Carme.
5⁰ EP: Arde Lucus.
6⁰ EP: Mercado Medieval (Alfoz).
Neste punto, o Concello de Xove respondeu á solicitude de colaboración de 4º de Educación Infantil, que elixiu a romaría do San Antonio Ventureiro da Rigueira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2023. A titora do curso solicitou documentación ó departamento de Investigación Social, que lle proporcionou a publicación editada polo Concello de Xove e a Xunta de Galicia no ano 2006, titulada: A festa no aire. Tradición e lecer no Xove de antes. Ademais de entregarlles dípticos informativos do proxecto de recuperación da romaría e das 8 rutas de romaxe. Completaron o traballo desde a clase cun intercambio interxeracional, solicitando a colaboración de catro avós e familiares maiores do alumnado, persoas veciñas da parroquia de A Rigueira, que compartiron con nenas e nenos os seus recordos e contestaron preguntas da festa do San Antonio Ventureiro.
Para rematar, solicitaron ó Concello de Xove colaboración para comprender a importancia social que tiña o San Antonio da Rigueira, e por que esta festa gozaba antigamente de tanta fama en todo o municipio e fóra del. A encomenda non foi doada, pois houbo que adaptar unha das posibles explicacións sociolóxicas de participación na festa a un público de moi curta idade. Así, a Socióloga do Concello creou un conto infantil narrado e apoiado con debuxos, que foi proxectado a todo o alumnado de Educación Infantil do CEIP Pedro Caselles, titulado: A Historia da miñoca Icía e Roi, o caracol. Antes da proxección do conto agasallóuselles aos nenos/as con cadanseu pano do San Antonio da Rigueira, aqueles panos cos que se identifica ás persoas que fan a romaxe o día 13 de xuño.
ENLACE Ó CONTO: https://we.tl/t-uEhv3je0P1